Nova: O Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense presenta o catálogo da mostra 'Santomé. Conxunto arqueolóxico-natural'

11/12/2019

O Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense presenta o catálogo da mostra 'Santomé. Conxunto arqueolóxico-natural'

Anxo M. Lorenzo participa na presentación do catálogo da mostra 'Santomé. Conxunto arqueolóxico-natural'

O libro testemuña o traballo investigador realizado polo Museo Arqueolóxico de Ourense para a mostra sobre Santomé, que pode visitarse en Afundación Ourense até marzo de 2020

  • Santomé. Conxunto arqueolóxico-natural Santomé. Conxunto arqueolóxico-natural

Ourense, 11 de decembro de 2019.- O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, presentou hoxe o catálogo da exposición Santomé. Conxunto arqueolóxico-natural. Unha mostra organizada polo Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, xestionado pola Xunta de Galicia, que se poderá visitar até o 8 de marzo de 2020 na sala de exposicións Afundación en Ourense.

Anxo M. Lorenzo destacou o rigor e alcance desta obra, “que vai máis aló no plano da investigación humanística do que adoitan este tipo de publicacións”, e agradeceu o esforzo e a meticulosidade do traballo realizado na elaboración do mesmo para facer partícipe a toda a sociedade da relevancia do Conxunto Arqueolóxico-Natural de Santomé.

O catálogo ofrece diferentes textos monográficos sobre a evolución e historia da vida cotiá neste sobranceiro conxunto ourensán, amosando os resultados dunha importante investigación realizada polo propio persoal técnico do museo sobre os acontecementos máis destacados. Deste xeito, o visitante realizará un paseo pola historia do asentamento a través dos restos materiais recuperados no proceso de escavación, desde o mundo castrexo até o século V d.C.

O responsable de Políticas Culturais estivo acompañado neste acto polo director do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, Xulio Rodríguez, e pola xefa territorial da Consellería de Cultura e Turismo, Sandra Quintas.

Comparte