Nova: Aberta a convocatoria de axudas ao funcionamento das salas escénicas privadas e á súa programación en rede

11/12/2019
Aberta a convocatoria de axudas ao funcionamento das salas escénicas privadas e á súa programación en rede
Mantén a dotación de 150.000 euros para estas subvencións, a partir das que se desenvolverá a carteleira de 2020 da Rede Galega de Salas
Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2019.- A Xunta de Galicia acaba de poñer en marcha a súa convocatoria de axudas a salas privadas de artes escénicas para 2020, cunha dotación de 150.000 euros destinada a subvencionar o funcionamento dos locais adxudicatarios mais a súa programación como parte da Rede Galega de Salas.
As bases publicadas no DOG manteñen a reformulación introducida para as adxudicacións de 2019, de acordo coa que o devandito circuíto escénico da Xunta, xestionado pola Consellería de Cultura e Turismo a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), pasou a estar integrado exclusivamente polos espazos beneficiarios, que tamén deben destinar parte da contía recibida a gastos de funcionamento como alugamentos, subministracións, persoal contratado etc.
A esta convocatoria poden optar salas de artes escénicas de titularidade privada con capacidade máxima de 150 localidades que, entre outros requisitos, presenten un proxecto de programación artística para 2020 e tivesen acollido un mínimo de 60 representacións durante 2019. Cada unha das beneficiarias poderá recibir un máximo de 60.000 euros, tendo como límite o 75% do orzamento do seu proxecto.
A concesión resolverase de acordo coa avaliación das solicitudes que realizará unha comisión e para a que terá en conta criterios como a antigüidade, a capacidade do local, o proxecto de programación, actividades complementarias ou recursos humanos dedicados ao proxecto.
Mediante esta convocatoria anual, da que en 2019 resultaron adxudicatarias as salas Teatro Ensalle e Ártika de Vigo, Ingrávida do Porriño e Teatro del Andamio e Gurugú da Coruña, búscase contribuír á estabilidade e á consolidación deste tipo de espazos en Galicia como xeradores dunha destacada actividade arredor das artes escénicas. As persoas físicas (autónomas) ou xurídicas xestoras deste tipo de locais teñen de prazo ata o 7 de xaneiro de 2020 para presentar as súas solicitudes xunto coa documentación requirida, que debe incluír o seu proxecto de programación e o plan económico-financeiro. O trámite debe realizarse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, co código de procedemento CT402D.