Nova: A exposición fotográfica ‘O Camiño Francés en 360º’, no Museo das Peregrinacións

22/11/2019
A exposición fotográfica ‘O Camiño Francés en 360º’, no Museo das Peregrinacións
Anxo M. Lorenzo inaugura a exposición fotográfica ‘O Camiño Francés en 360º’ do hospitaleiro Goyo González
A mostra, aberta ata febreiro no Museo das Peregrinacións e de Santiago, está formada por 36 instantáneas que plasman a experiencia do autor percorrendo a Ruta Xacobea
Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2019.- O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe a exposición O Camiño Francés en 360º, formada por 36 fotografías panorámicas circulares realizadas polo hospitaleiro Goyo González durante máis de 10 anos nos que percorreu a Ruta Xacobea en diversas ocasións.
As instantáneas plasman o seu concepto tanto do Camiño como da propia peregrinación e os peregrinos, captando o que ao seu redor acontece. Trátase, polo tanto, dunha aproximación desde dentro a través da mirada de alguén que coñece a experiencia xacobea, tanto por ser peregrino como por tratar con milleiros de camiñantes durante os seus anos como hospitaleiro.
A mostra permanecerá aberta ao público ata o 16 de febreiro de 2020 no Museo das Peregrinacións e de Santiago, xestionado pola Xunta, en horario de martes a venres de 9,30 a 20,30 h., os sábados de 11,00 a 19,30 h. os domingos e festivos de 10,15 a 14,45 h.