Nova: ‘Ao son delas’ ponlle música en galego ao transporte escolar de Zas

22/11/2019

‘Ao son delas’ ponlle música en galego ao transporte escolar de Zas

Trátase dun proxecto de innovación en dinamización lingüística premiado polas consellerías de Educación e de Cultura e Turismo

O secretario xeral de Política Lingüística e o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa participaron hoxe na presentación do disco do mesmo nome

  • ‘Ao son delas’ ponlle música en galego ao transporte escolar de Zas ‘Ao son delas’ ponlle música en galego ao transporte escolar de Zas

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2019.- Nas vésperas da celebración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, a Xunta de Galicia presentou o disco Ao son delas, xurdido a raíz dun proxecto educativo homónimo do IES Maximino Romero de Lema (Baio, Zas) que foi premiado no seu día polas Consellerías de Cultura e Turismo e de Educación, Universidade e Formación Profesional. O disco, que contén música de cinco cantantes e grupos pop galegos integrados por mulleres, escoitarase a partir de hoxe no transporte escolar do instituto.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, saudou unha iniciativa “orientada a difundir entre a rapazada a música en galego, que adoito os máis novos cren que está restrinxida á de tipo tradicional, cando na nosa lingua se fai folk, pop, rock, trap, jazz... e calquera outro estilo que a un adolescente lle poida interesar”. Agradeceulles ás artistas que cederon as cancións para este proxecto a súa xenerosidade e valorou moi positivamente o feito de que o alumnado escollese voces femininas para unha iniciativa “que vencella, como estamos facendo nós no programa Nós contra a violencia, a defensa da lingua coa igualdade de xénero”.

Pola súa banda, Manuel Corredoira deulle os parabéns ao profesorado e ao alumnado do IES Maximino Romero de Lema por un traballo “coidado e ben feito que pon en conexión o centro educativo coa sociedade que o rodea e innova para alcanzar uns obxectivos que sobardan o estritamente académico”.

No acto participou tamén Manuel Maseda Deán, director do IES Maximino Romero de Lema de Baio (Zas) e un dos impulsores do proxecto Ao son delas.

Autobuses en galego

O disco dado a coñecer esta mañá, con deseño de Alba Romero e cunha presentación regueifada de Lupe Blanco e Alba María, contén cancións de Guadi Galego (Fronteiras), As Tanxungueiras (Que non mo neguen), A Banda da Loba (Anagnórise), Habelas Hainas (Himno das mulleres) e A comuna del Barruzo (O espazo de Gargayú), que cederon as súas músicas para o proxecto. Poderá escoitarse nos autobuses que transportan o alumnado ao instituto, que estarán rotulados nos próximos meses co lema Ao son delas... quilómetros de igualdade. Coa iniciativa colabora tamén a Asociación de Comerciantes Terra de Soneira, que distribuirá o traballo nos seus comercios e destinará os beneficios da venda a axudar a Lúa Awel, diagnosticada de microcefalia, atrofia cerebral e leucomalacia mulstiquística periventricular severa.

O proxecto xurdiu na materia Artes escénicas e xestión cultural, de libre configuración do centro en primeiro de bacharelato, e contou coa colaboración do alumnado de Imaxe e son e de Igualdade de segundo curso de bacharelato. Tras unha serie de faladoiros desenvolvidos o pasado ano académico coas artistas que finalmente participan no disco, profesorado e alumnado do IES Maximino Romero de Lema decidiu levar adiante esta iniciativa que ten a lingua propia de Galicia como eixe vertebrador co obxectivo de que a mocidade tivese acceso a música en galego de calidade, un achegamento artístico en clave de muller que busca traballar a normalización lingüística-musical e a igualdade de xénero, así como a xustiza social.

Comparte