Nova: 'Colección de arte do Parlamento de Galicia' recolle o talento plástico galego

21/11/2019
'Colección de arte do Parlamento de Galicia' recolle o talento plástico galego
Román Rodríguez destaca o extraordinario talento plástico galego na presentación do libro de arte do Parlamento
Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2019.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, participou xunto co presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, na presentación do libro Colección de arte do Parlamento de Galicia, un catálogo que dá conta do “extraordinario talento plástico co que conta Galicia e da pluralidade e riqueza do talento desenvolto desde as últimas décadas do século XIX ata a actualidade”, afirmou o conselleiro.
O traballo recolle máis de 200 pezas e é unha representación da arte das nosas provincias e comarcas. Román Rodríguez felicitou aos artistas presentes na obra e tamén “aos que sen estar aínda nesta importante colección traballan acotío para deixar a súa pegada”. Ademais, salientou o apoio á actividade artística do Parlamento, “exemplo dun pobo que ama e coida a súa cultura, que nos representa e nos fai únicos”, concluíu.