Nova: Os premios Pentafinium recoñecen un ano máis ás persoas que promoven o Camiño de Santiago

20/11/2019
Os premios Pentafinium recoñecen un ano máis ás persoas que promoven o Camiño de Santiago
Román Rodríguez refírese aos camiños de Santiago como creadores de talento na entrega dos premios Pentafinium
O conselleiro de Cultura e Turismo participou na entrega destes galardóns que impulsa a Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago
Os premiados son Alejandro Barral, na sección de investigación; Isabel San Sebastián, no eido da literatura; Santiago Escribano, no ámbito da fotografía; Ana López Martín, na imaxe cinematográfica; ‘Jason’, en pintura; o grupo Brigan, en música, e Michele Lescure e Ramón Rodríguez no eido da escultura
Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2019.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, participou hoxe en Santiago na entrega do Premio Internacional Pentafinium Jacobeo a las Bellas Artes, Música, Literatura, Investigación e Imagen, un galardón con gran prestixio e presenza internacional que está impulsado pola Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago e que busca incentivar a investigación, a difusión e a creación artística relacionada co Camiño de Santiago.
Durante o acto, celebrado no Mosteiro de San Martiño Pinario, o titular de Cultura e Turismo da Xunta agradeceu o esforzo desta entidade no impulso duns premios que nesta edición recoñeceron a Alejandro Barral, na sección de investigación; Isabel San Sebastián, no eido da literatura; Santiago Escribano, no ámbito da fotografía; Ana López Martín, na imaxe cinematográfica; John Arme Jason, en pintura; o grupo Brigan, en música, e Michele Lescure e Ramón Rodríguez no eido da escultura. Neste marco, Román Rodríguez subliñou que os colectivos xacobeos “son os grandes piares do Camiño de Santiago”. “O dinamismo actual das peregrinacións e a revalorización que experimentaron todos os itinerarios xacobeos nos últimos anos non sería posible sen a ampla e agradecida actividade que realizades as asociacións de amigos do Camiño”, destacou.
Por outra banda, Román Rodríguez felicitou a todos os finalistas e gañadores e destacou a capacidade que ten o Camiño de Santiago para dinamizar o territorio e funcionar como creador de talento. “A riqueza do Camiño radica na posibilidade de atraer a Galicia a persoas de todas partes do mundo e na capacidade dos trazados xacobeos de funcionar como vías de transmisión e creación cultural. Por iso estes premios que recoñecen a labor de destacados creadores no ámbito das belas artes, da literatura, da imaxe, da investigación e da música son tan importantes”, sostivo.
Na entrega de premios tamén participaron, ademais dalgúns dos galardoados, o deán da Catedral de Santiago, Segundo Pérez; a comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira, e o presidente da Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, Luís Gutiérrez.
Desde o ano 2007
A Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago convoca o Premio Internacional Pentafinium Jacobeo a las Bellas Artes, Música, Literatura, Investigación e Imagen desde o ano 2007. Na actual edición presentáronse nas distintas categorías preto de 60 creadores internacionais e de diferentes partes de España e foron recoñecidos oito profesionais, dous deles ¬–Alejandro Barral e Michelle Lescure– recibiron este recoñecemento a título póstumo.