Nova: O número de alumnos do Bierzo e Sanabria que estudan galego increméntase por terceiro ano consecutivo

17/11/2019

O número de alumnos do Bierzo e Sanabria que estudan galego increméntase por terceiro ano consecutivo

O secretario xeral de Política Lingüística participou xunto con membros da Junta de Castela e León na reunión anual de seguimento do protocolo asinado entre ambas comunidades en materia de promoción do galego nos territorios limítrofes

Un total de 1146 estudantes aprenden galego nos centros educativos adscritos ao programa, cun incremento de 14 no ensino infantil e primario, 15 no secundario e 5 na escola oficial de idiomas con respecto ao curso 2018-2019

 

O Barco de Valdeorras (Ourense), 17 de novembro de 2018.- O número de alumnos do Bierzo e Sanabria que estudan galego vén de incrementarse por terceiro ano consecutivo. Concretamente, 34 alumnos incorporáronse no ano académico en curso ao Programa de promoción da lingua galega no Bierzo e en Sanabria. Deste xeito, son 1146 fronte aos 1112 do curso anterior, os estudantes que seguen estudos de galego nos territorios limítrofes das comunidades galegas e castelá-leonesa. Así o constataron os responsables dos dous gobernos na reunión anual de seguimento do protocolo de colaboración no que se enmarca o devandito programa.

Na reunión de seguimento participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a subdirectora xeral deste departamento, María Lourdes Batán; o director xeral de de Centros, Planificación y Ordenación Educativa da Junta, José Miguel Sáez Carnicer, a xefa de Servizo de Ordenación Académica, Títulos e Convivencia da Dirección Xeral de Política Educativa e Escolar, Marta Piñeiro Ruiz, e o presidente do Consello Comarcal do Bierzo, Gerardo Álvarez.

O incremento de alumnado verifícase, por terceiro ano consecutivo, tanto nos ensinos infantil e primario coma no secundario e na escola oficial de idiomas: sobe en 14 estudantes no primeiro caso, en 15 no segundo e en 5 no terceiro; 34 en total. Así, os datos de alumnado quedan como seguen: 941 alumnos/as na educación infantil e primaria (fronte aos 927 do curso anterior), 148 alumnos/as na educación secundaria (fronte aos 133 do curso anterior) e 57 alumnos/as na Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada (fronte aos 52 do curso anterior).

Os dous gobernos mostraron a súa satisfacción pola boa acollida do programa e ratificaron a súa colaboración para reforzalo con novas iniciativas de dinamización lingüística que redunden, a través de actividades específicas, exposicións ou outras, nun maior achegamento do alumnado á lingua e á cultura galegas, así como na incorporación de novos centros de ensino ao devandito programa.

Programa de promoción do galego no Bierzo e en Sanabria

Os centros adscritos ao Programa de promoción da lingua galega nestes territorios galegofalantes do exterior son 19, dos que 14 son CEIP ou CRA e 4 IES, ademais da Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada. No relativo a centros de secundaria e ensinos especiais, os IES adscritos ao programa son o Bergidum Flavium de Cacabelos, o Padre Sarmiento de Vilafranca do Bierzo e os ponferradinos Europa e Virxe da Aciñeira.

No caso dos centros de infantil e primaria, en León, CEIP da Quinta Angustia de Cacabelos, CEIP San Ildefonso de Camponaraya, CRA de Carucedo, CRA Jimena Muñiz de Corullón, CRA Cubillos del Sil, CEIP Compostilla de Ponferrada, CEIP Jesús Mestre de Ponferrada, CEIP Virxe do Carmen-A Placa de Ponferrada, CEIP Valentín García Yebra de Ponferrada, CRA del Puente de Domingo Flórez, CEIP Mª Luisa Ucieda de Toral dos Vaos, CEIP de Toral de Merayo e CEIP San Lorenzo de Brinde de Vilafranca; e, en Zamora, CEIP Tuela-Bibey de Lubián.

Comparte