Nova: Máis de 30 ideas de innovación no sector cultural concorren aos Premios Emprende Cultura Gaiás Sixto Seco

15/11/2019

Máis de 30 ideas de innovación no sector cultural concorren aos Premios Emprende Cultura Gaiás Sixto Seco

O xurado, do que forma parte o director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, reuniuse antes da entrega de premios, que terá lugar o 21 de novembro no Auditorio Neira Vilas

Estes galardóns están promovidos pola Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura co patrocinio de Afundación e a colaboración do Igape

 

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2019.- Máis de 30 ideas emprendedoras de innovación no sector cultural concorren aos Premios Emprende Cultura Gaiás Sixto Seco, das que se coñecerá as gañadoras o vindeiro xoves 21 de novembro. O xurado, do que forma parte o director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, reuniuse hoxe.

O certame, promovido pola Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura en colaboración co Igape e co patrocinio de Afundación, está dividida en dúas modalidades: proxectos relacionados co deseño, a xestión cultural e a creación artística e plástica por unha banda, e proxectos en internet ou desenvolvemento de apps no sector cultural. De entre todas as ideas presentadas, o xurado seleccionou un proxecto gañador por cada categoría, que recibirá cadanseu premio de 3.000 euros en metálico ademais de poder incorporarse de maneira gratuíta e durante un ano ao coworking do Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura.

A entrega de premios, que terá lugar no Auditorio Neira Vilas da Biblioteca e Arquivo de Galicia, contará coa conferencia titulada O poder da conversa: comunicar para emprender, a cargo da catedrática de Lingüística e divulgadora, Estrella Montolío, con entrada libre e de balde para todo o público interesado ata completar capacidade.

Os Premios Emprende Gaiás Sixto Seco favoreceron, desde a súa primeira edición no ano 2013, o inicio de proxectos que apostan por innovar no ámbito da cultura, moitos dos cales son a día de hoxe empresas consolidadas. Os galardóns, que homenaxean ao médico e intelectual galego Agustín Sixto Seco, confírmanse como unha das principais liñas de programación da Cidade da Cultura destinadas a favorecer o emprendemento e a creación de emprego no eido cultural e creativo e a desenvolver unha programación que estimule o talento e cree cultura emprendedora en Galicia.

 

Comparte