Nova: A Cidade da Cultura celebra o ‘Magosto no Gaiás’

15/11/2019

A Cidade da Cultura celebra o ‘Magosto no Gaiás’

A Xunta convida mañá á foliada do ‘Magosto no Gaiás’ con música da banda do gaiteiro Anxo Lorenzo e degustación de castañas

A Cidade da Cultura celebrará a tarde deste sábado esta festa popular xa consolidada na súa programación de outono

O gaiteiro de Moaña caracterízase pola súas composicións anovadoras que van desde os ritmos tradicionais á fusión con outros estilos, que o teñen levado a actuar con Carlos Núñez, The Chieftains, Marta Sánchez ou Amistades peligrosas

A Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia colabora achegando este produto que se ofrecerá asado ou en petiscos variados

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2019.- A Xunta de Galicia convida mañá sábado na Cidade da Cultura a festexar a súa foliada por excelencia do outono: o Magosto no Gaiás. Para celebrar esta cita cultural e gastronómica de carácter familiar e con arraigo na nosa cultura popular contarase coas imprescindibles castañas -asadas ou como ingrediente principal en petiscos- e cos ritmos tradicionais e de fusión dun dos nosos gaiteiros máis internacionais, Anxo Lorenzo.

Deste xeito, esta cita da programación do outono do Gaiás ofrecerá a partir das 20,00 horas a típica degustación de castañas -para a que se contará coa colaboración un ano máis da Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia- seguida da foliada típica deste festexo popular. E para isto último contarase con música de raíz co obxecto de crear o ambiente de festa rachada tan característico do Magosto.

Nesta ocasión, contarase con Anxo Lorenzo, un gaiteiro que se sae dos canons convencionais, xa que a pesar da súa formación na música tradicional, o seu estilo caracterizase polas pontes con outras tendencias e estilos fóra do eido folk.

Fusión de música tradicional e vangarda

O músico e compositor de Moaña tense subido aos escenarios dos festivais máis importantes do mundo celta como o Intercéltico de Lorient ou de Folkherbst de Alemaña, ademais dos galegos de Ortigueira ou Pardiñas, entre outros moitos. Ademais de ter colaborado con figuras do folk como Carlos Núñez ou os irlandeses The Chieftains, tamén o ten feito con grupos afastados da música tradicional como Amistades Peligrosas, Marta Sánchez ou Mónica Molina, logrando unha fusión natural da gaita galega con outros estilos musicais e abrindo novos horizontes dentro da vangarda musical.

Acompañado da súa banda habitual, Anxo Lorenzo levará ao Museo Centro Gaiás os sons anovadores que o diferencian. As persoas asistentes poderán botar uns bailes cos seus éxitos máis destacados, entre os que de seguro estarán temas do seu último traballo Vórtex, o álbum cociñado entre Galicia, Irlanda e Escocia que conta con colaboracións de músicos vencellados ao mundo folk, seguindo a liña de experimentación acústica que o caracteriza.

Programa e entradas

A degustación de castañas -asadas ou como ingrediente principal en diferentes petiscos-comezará ás 20,00 horas, mentres que a actuación musical dará comezo a partir das 21,00 horas. As entradas para o Magosto no Gaiás poden adquirirse xa de forma anticipada no Museo Centro Gaiás e nos puntos de venda físicos de Ataquilla por 5 euros: en www.ataquilla.com (+ gastos de xestión); e no mesmo día, na billeteira por 6 euros.

Comparte