Nova: A Xunta comeza os traballos de posta en valor do castro de Montealegre cun investimento de máis de 280.000 euros

15/11/2019

A Xunta comeza os traballos de posta en valor do castro de Montealegre cun investimento de máis de 280.000 euros

As actuacións comezan coa limpeza da superficie do xacemento e continuarán a vindeira semana cunha limpeza específica dos petróglifos

  • Fondo Logotipo Xunta de Galicia Fondo Logotipo Xunta de Galicia

Moaña (Pontevedra), 15 de novembro de 2019.- Esta semana deu comezo a primeira fase dos traballos de posta en valor do castro de Montealegre, situado no concello pontevedrés de Moaña. Trátase dunha actuación impulsada pola Xunta de Galicia, que supón un investimento de máis de 280.000 euros e terá unha duración de nove meses. Está proxectado comezar cunha limpeza da superficie do xacemento e continuar a vindeira semana cunha limpeza específica dos petróglifos.

O proxecto continuará o vindeiro ano con traballos de topografía e fotogrametría, a instalación dunha rede de bases topográficas e a reescavación das estruturas documentadas nos anos 1925 e 1926 por Antón Losada Diéguez. Procederase a continuación á consolidación e restauración da totalidade das estruturas documentadas nas diferentes fases de intervención arqueolóxica desenvolvidas, a realización de sondaxes avaliativas na ladeira suroeste do xacemento para delimitar dun xeito preciso a súa extensión, así como a limpeza rexistro e documentación da totalidade das rochas con petróglifos existentes.

Finalmente, definirase e acondicionaranse os accesos e zonas de tránsito que permitan a visita do xacemento e procederase á sinalización e colocación de paneis informativos, así como á instalación de varandas que melloren a seguridade nun espazo de fortes pendentes e terreo irregular.

Ben de gran valor cultural

O castro de Montealegre é un ben protexido polo seu valor cultural, incluído no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia, e situado no lugar da Cidá/Verdeal. Aínda que as primeiras actuacións arqueolóxicas foron as dirixidas por Losada Diéguez nos anos 20, os traballos de maior extensión e calado se desenvolveron no marco das obras de construción do Corredor do Morrazo. De feito, as sondaxes avaliativas e a escavación arqueolóxica nesta área executáronse no 2004, coincidindo coa primeira fase de construción do corredor, e no 2016-17, na segunda fase de construción.

Estas actuacións permitiron conservar in situ a totalidade dos restos documentados. Con todo, só se levaron a cabo traballos puntuais de conservación provisional dos restos documentados, polo que algunhas estruturas presentan problemas de estabilidade. Así mesmo, é preciso levar a cabo unha nova escavación arqueolóxica das estruturas documentadas nos anos 1925 e 1926 e do seu contorno inmediato.

 

Comparte