Nova: ‘O Camiño e os espazos naturais para nenos e nenas’ pon o seu punto final
15/11/2019
‘O Camiño e os espazos naturais para nenos e nenas’ pon o seu punto final
Román Rodríguez destaca o revulsivo que 'O teu Xacobeo' supón na provincia de Pontevedra con 1,2 M€ e máis de 80 proxectos
O titular de Cultura e Turismo participou hoxe na clausura do proxecto ‘O Camiño e os espazos naturais para nenos e nenas’ onde subliñou a importancia de divulgar os valores e o patrimonio xacobeo entre os máis pequenos
O conselleiro tamén gabou o imprescindible papel da Asociación de Amigos do Camiño Portugués na acollida aos peregrinos e na dinamización desta ruta
A Xunta impulsou xa máis de 130 proxectos ao abeiro de ‘O teu Xacobeo’, o programa posto en marcha pola Administración galega co obxectivo de fomentar a participación da cidadanía na celebración do vindeiro Ano Santo
Pontevedra, 15 de novembro de 2019.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, participou hoxe en Pontevedra na clausura de O Camiño e os espazos naturais para nenos e nenas, un proxecto impulsado pola Asociación de Amigos do Camiño Portugués a Santiago ao abeiro de O teu Xacobeo. Trátase dunha iniciativa educativa, de ámbito social, destinada aos nenos de Primaria cuxa finalidade é fomentar o coñecemento do patrimonio natural, cultural e humano do Camiño de Santiago entre os máis pequenos.
Durante o acto celebrado no Pazo da Cultura, o titular de Cultura e Turismo destacou o éxito de O teu Xacobeo, o programa posto en marcha polo Goberno galego co obxectivo de fomentar a participación da cidadanía na celebración do vindeiro Ano Santo, e subliñou o revulsivo que supón para a provincia de Pontevedra, onde se desenvolven máis de 80 proxectos grazas a un investimento de 1,2 millóns de euros. Ademais, a nivel autonómico e desde que se puxo en marcha este proxecto, a Xunta promoveu xa máis de 130 proxectos.
Román Rodríguez explicou que tanto a cidade de Pontevedra como o Camiño Portugués teñen “un papel cada vez máis relevante no panorama xacobeo” o que se traduce nun importante incremento no número de persoas que decide percorrer este itinerario. De feito, no que vai de ano o Camiño Portugués e o Camiño Portugués da Costa sumaron máis de 90.000 peregrinos, unha cifra que se duplicou no último lustro.
Futuras xeracións
O proxecto clausurado hoxe, que contou cunha achega por parte da Xunta a través de O teu Xacobeo de preto de 14.000 euros, permitiu que centos de escolares da provincia de Pontevedra tiveran un maior coñecemento e contacto co Camiño de Santiago facendo que os nenos sexan aínda máis conscientes da importancia de conservar o legado xacobeo. Nesta liña, Román Rodríguez subliñou que é unha iniciativa de especial importancia porque “nos axuda a levar o Camiño cara ó futuro, xa que a implicación das futuras xeracións é o único xeito de garantir que a Ruta Xacobea sega a ser unha gran riqueza para Galicia”.
Participaron neste proxecto o CEIP Plurilingüe nº 1 de Tui, o CEIP Mestre Martínez Alonso de Mos, o colexio público integrado de O Toural, en Vilaboa; o CEIP Amor Ruibal de Barro, o colexio público integrado de Pontecesures e o CEIP Plurilingüe O Pumar, de Rois.