Nova: ‘Gotas de Auga con Granell’ no Museo do Mar de Galicia

12/11/2019

‘Gotas de Auga con Granell’ no Museo do Mar de Galicia

Anxo M. Lorenzo inaugura no Museo do Mar de Galicia a exposición ‘Gotas de Auga con Granell’ 

A mostra, composta por obras de Eugenio Granell e outros artistas, ten como eixo principal a auga polo seu peso simbólico na cultura e na arte e permanecerá aberta ao público ata xaneiro de 2020

  • Gotas de Auga con Granell Gotas de Auga con Granell

Vigo, 12 de novembro de 2019.- O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, asistiu hoxe á inauguración da exposición Gotas de auga con Granell, unha mostra composta por obras dos fondos da Fundación Eugenio Granell que permanecerá aberta no Museo do Mar de Galicia, xestionado pola Xunta de Galicia, ata o 12 de xaneiro de 2020.

A auga é o eixo principal sobre o que se artella esta exposición, polo seu peso simbólico na cultura e na arte. En virtude disto, os visitantes poderán contemplar obras como Homenaxe aos amantes da praia de Riazor, Volcán de auga, O cisne de Taonela e O canto do cisne. A mostra alberga obras doutros artísticas como o seu irmán, Mario Granell, presente coas obras A dama das illas Cálides e Sen título, ademais do collage realizado por Amparo Segarra titulado A man do peixe, así como a obras do artista inglés Philip West e de Francisco Fernández Molina.

O percorrido expositivo transcorre por pezas do amplio conxunto surrealista, con obras doutros artistas moi representativos do movemento, como as do seu amigo Marcel Duchamp, Rik Lina, Ferrán Blanco ou Anne Ethuin, entre outros.

Gotas de auga con Granell complétase cunha pequena selección de máscaras africanas con referencias ao mundo mariño, unhas pezas que establecen un diálogo coas outras obras expostas.

A mostra pode visitarse de martes a venres de 10,00 a 14,00 h. e de 17,00 a 19,00 h. e os sábados e domingos de 11,00 a 14,00 h. e de 17,00 a 20,00 h.

 

Comparte