Nova: 300 estudantes celebran o día da ciencia en galego cunha conferencia do químico lucense Liz Marzán
08/11/2019
300 estudantes celebran o día da ciencia en galego cunha conferencia do químico lucense Liz Marzán
O Premio Nacional de Investigación 2018 disertou sobre nanotecnoloxía nun acto convocado por Igaciencia co apoio da Xunta no que participaron Valentín García e José Manuel Balseiro
Lugo, 8 de novembro de 2019.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, compartiron hoxe a celebración do Día da Ciencia en Galego con 300 estudantes de 4º da ESO e bacharelato que acudiron ao Edificio Administrativo da Xunta en Lugo para escoitar a conferencia sobre nanotecnoloxía pronunciada polo químico galego Luís Liz Marzán. O acto foi organizado por Igaciencia (Institución Galega da Ciencia) co apoio da Consellería de Cultura e Turismo.
Valentín García agradeceulle ao conferenciante que fixese un oco na súa apretada axenda de traballo para fomentar as vocacións científicas en galego entre o estudantado de Lugo. Despois, dirixíndose ao alumnado, reflexionou sobre o feito de que, “por haber en Galicia un sistema educativo bilingüe, recibides clases de materias científicas en galego, castelán e ás veces tamén en inglés, pero debedes saber que, sexa cal for a lingua en que se vos imparta unha área, sempre é posible usar calquera outra para investigar e divulgar os seus contidos e o galego non é unha excepción”. Por este motivo, o secretario xeral animou os estudantes a usar o idioma propio de Galicia “para ler, para pescudar e para experimentar”, ademais de para relacionarse cos seus iguais no tempo de ocio.
Xunto con Valentín García e o conferenciante, Luís Liz Marzán participou no acto a secretaria de Igaciencia, Inés Ben.
Nanotecnoloxía contra o cancro
Un total de 300 alumnos de 4º da ESO e de bacharelato dos IES lucenses Ánxel Fole, Xoán Montes, Leiras Pulpeiro e Nosa Señora dos Ollos Grandes, dos CPI Plurilingüe de Castroverde e Ramón Piñeiro de Láncara e do Colexio Fingoi abarrotaron o salón de actos do Edificio Administrativo da Xunta na Cidade das Murallas para escoitar a conferencia de Luís Liz Marzán A nanotecnoloxía no Ano Internacional da Táboa periódica.
O químico lucense, actual director do Centro de Investigación Cooperativa en Biomateriais CIC BiomaGUne de San Sebastián, acadou por segunda vez en 2018 unha das prestixiosas Advanced Grant do Consello Europeo de Investigación e recibiu o Premio Nacional de Investigación na área de Ciencia e Tecnoloxía Químicas pola súa contribución ao campos da química coloidal e da nanociencia. A súa actividade centrouse en abrir novas fronteiras na nanoescala desde o punto de vista químico, co fin de resolver problemas no ámbito da biomedicina e, en concreto, das terapias contra o cancro.
O goberno galego, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, apoia a celebración desta conferencia organizada por Igaciencia para celebrar o Día da Ciencia en Galego, entre outras actividades con que, ao longo do mes de novembro, promove a divulgación científica, nomeadamente da man das bibliotecas públicas e dos equipos de dinamización da lingua galega dos centros educativos. No Portal da Lingua Galega pódese ver unha mostra do traballo que desenvolven unhas e outras, así como o manifesto da microbióloga Alicia Estévez Toranzo con motivo da celebración do Mes da Ciencia.