Nova: O Museo Gaiás reforza a súa seguridade con medidas especiais para acoller as obras mestras de 'Galicia, un relato no mundo'
30/10/2019
O Museo Gaiás reforza a súa seguridade con medidas especiais para acoller as obras mestras de 'Galicia, un relato no mundo'
O Libro das Invasións, que por vez primeira en oitocentos anos sae de Irlanda para exhibirse en Galicia, foi recibido esta mañá na Cidade da Cultura
Sensores, diferentes tipos de alarmas, tecnoloxía de infravermellos, circuítos de cámaras e persoal de vixilancia garanten a seguridade das pezas
A mostra, organizada pola Xunta, reunirá obras consideradas xoias do patrimonio universal, como a ‘Biblia Kennicott’, o ‘códice calixtino’ do Vaticano ou o ‘Mapa de Sawley'
Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2019.- O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia reforza con tecnoloxía complementaria os seus sistemas de seguridade ante o valor dalgunhas obras de Galicia, un relato no mundo, a primeira exposición internacional do Xacobeo 21 organizada pola Xunta de Galicia. A mostra, que se inaugura o vindeiro 14 de novembro, exhibirá pezas consideradas xoias do patrimonio universal, como o Mapa de Sawley, a Biblia Kennicott, os códices calixtinos do Vaticano e de Salamanca ou o Cancioneiro da Vaticana.
Precisamente, hoxe foi recibida unha das obras centrais: o Libro das Invasións (The Book of Leinster), que por primeira vez en oitocentos anos sae de Irlanda para ser exposto en Galicia. Este manuscrito, no que figura a mención máis antiga coñecida ao Breogán do Himno galego, viaxou desde Dublín acompañado por dous técnicos do Trinity College. O director xeral de Políticas Culturais da Xunta, Anxo M. Lorenzo, estivo presente, xunto ao equipo da Cidade da Cultura, durante a súa instalación en sala.
Alta seguridade
Un equipo de técnicos, co asesoramento de empresas especializadas, foi o responsable de instalar sistemas de última xeración para garantir a seguridade das pezas. Tanto no interior como no exterior das vitrinas das obras máis valiosas implementáronse sensores e diferentes tipos de alarmas, tanto sísmicas, deseñadas para detectar movementos, vibracións ou apertura das vitrinas, como baseadas en tecnoloxía de infravermellos, que vixían a aproximación indebida ás pezas.
Existe, ademais, un sistema de gravación cuxas imaxes son monitorizadas nunha central de seguridade durante as vintecatro horas do día, todos os días da semana. Este tipo de tecnoloxía complétase coa presenza de persoal de seguridade nas salas, así como coa disposición de escoltas policiais nos traslados nos que a normativa o esixe. Todo o dispositivo atópase, a súa vez, reforzado coa propia seguridade e controis de acceso do recinto da Cidade da Cultura.
Ademais da tecnoloxía para evitar roubos ou deterioro das pezas, o Museo conta cun sistema para detectar e previr incendios, así como para manter en todo momento as condicións de temperatura e humidade precisas para obras desta natureza.
A exposición Galicia, un relato no mundo reunirá máis de trescentas pezas, procedentes de 80 institucións e coleccións, entre as que se atopan centros culturais tan prestixiosos como a Biblioteca do Vaticano, a Universidade de Oxford e a de Cambridge, o Trinity College, o Museu Nacional de Arqueologia de Portugal ou o Museo Nacional do Prado.
A exposición, que se poderá visitar de balde ata o 12 de abril de 2020, conta coa colaboración do Consello da Cultura Galega, da Secretaría Xeral da Emigración e da Fundación Hispanojudía.