Nova: A comisaria do Xacobeo 21 salienta o carácter participativo do Ano Santo ante unha vintena de asociacións de amigos do camiño
24/10/2019
A comisaria do Xacobeo 21 salienta o carácter participativo do Ano Santo ante unha vintena de asociacións de amigos do camiño
Ourense, 24 de outubro de 2019.- A comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira, salientou o carácter participativo do vindeiro Ano Santo ante máis dunha vintena de asociacións de amigos do Camiño e outros colectivos vencellados coa Ruta Xacobea nun encontro celebrado hoxe en Ourense. Cecilia Pereira destacou que a contribución deste tipo de entidades e de todos os axentes da sociedade é “fundamental” para facer do próximo Xacobeo 21 unha celebración “transversal”, que busca a implicación de toda a cidadanía galega, que todos sintan como propia “e que non deixe fóra a ninguén”.
Este encontro permitiu avanzar no compromiso da creación dunha mesa de traballo entre a Xunta e as asociacións de amigos do Camiño co fin de avanzar en novos proxectos na antesala do Xacobeo 21. Trátase dun acordo acadado co obxectivo de ampliar a fecunda colaboración entre o Goberno galego e o movemento asociativo xacobeo, que durante anos ven traballando na difusión dos valores da peregrinación a Santiago.