Nova: A Biblioteca de Galicia no Gaiás difunde o valor estético e documental das tarxetas postais no Día da Biblioteca
24/10/2019
A Biblioteca de Galicia no Gaiás difunde o valor estético e documental das tarxetas postais no Día da Biblioteca
O director xeral de Políticas Culturais da Xunta, Anxo M. Lorenzo, participou na apertura desta mostra na que se poden ver exemplares anteriores ao ano 1958
Tamén conmemoran esta data nas bibliotecas de A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo con visitas guiadas, contacontos e obradoiros
Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2019.- O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na Biblioteca de Galicia na apertura da mostra Querida Biblioteca, na que, co gallo do Día da Biblioteca, se difunde o valor estético e documental das tarxetas postais, un material do que se custodian neste centro da Cidade da Cultura máis 3.000 exemplares, moitos deles impresos antes do ano 1958, data de entrada en vigor da normativa de depósito legal.
“As bibliotecas non só conservan libros, senón que tamén custodian outros formatos, como as tarxetas postais, que conteñen o acervo cultural dun pobo”, afirmou Anxo M. Lorenzo, quen, ademais explicou que esta exposición poderá visitarse na entrada do Arquivo e Biblioteca de Galicia ata o vindeiro mes de xaneiro.
A mostra Querida Biblioteca, dividida en catro seccións, unha por cada unha das provincias galegas, está encadrada na programación da Xunta de Galicia para o Día da Biblioteca, unha conmemoración que este centro tamén celebra cunha visita guiada polas instalacións e co reparto de libros para todos os tramos idade.
Máis dunha vintena de actividades
Ademais, da Biblioteca de Galicia, o Goberno autonómico tamén ten programadas para esta semana máis dunha vintena de actividades nas bibliotecas de A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo entre as que destacan obradoiros, visitas guiadas, contacontos e exposicións.