Nova: ‘Cultura e Autismo’: un espazo para a reflexión

22/10/2019

‘Cultura e Autismo’: un espazo para a reflexión

Anxo M. Lorenzo analiza no CGAC a situación dos espazos culturais en relación ás persoas con autismo

O director xeral de Políticas Culturais participou hoxe na xornada ‘Cultura e Autismo’ a que asistiron recoñecidos profesionais do mundo da cultura

A cita, organizada pola Federación Autismo Galicia co apoio da Xunta, tamén acolleu a presentación do número XXIII de ‘Maremágnum. Cultura e Autismo’

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2019.- O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na xornada Cultura e Autismo, unha cita á que asistiron profesionais do ámbito da cultura para facer unha posta en común sobre a situación actual dos espazos e equipamentos culturais en relación ás persoas con autismo, debatendo como abordar a súa singularidade e compartindo diferentes experiencias e modalidades de intervención cultural.

Trátase dunha xornada organizada pola Federación Autismo de Galicia co apoio da Xunta, co obxectivo de reflexionar sobre a presenza de persoas con Trastorno do Espectro do Autismo nos espazos culturais e de presentar o número XXIII de Maremágnum. Cultura e Autismo, unha revista que, tal e como explicou Anxo M. Lorenzo, “é unha publicación galega de referencia sobre este trastorno” na que, ademais, se dá conta, a través dos autores, da importancia da inclusión e accesibilidade a través da cultura e nas institucións culturais.

A cita incluíu tamén a conferencia A comunicación e a información na cultura, a cargo de Moisés de Lemos Martins, catedrático da Universidade do Minho e director do Centro de Estudos de Comunicaçao e Sociedade, e as ponencias Ti en min, eu en ti. Museos con Todxs, a cargo de Encarna Lago, xerente da Rede Museísta de Lugo, e de Carolina Casal, museóloga e conservadora, e Empower Parents. Conquistando espazos comúns, de Laura Donis, directora do proxecto Empower Parents.

Macarena Blanco, psicóloga da Fundación Menela, e Lidia Reyes, psicóloga de Aspanaes, foron as encargadas de pechar a xornada afondando nas experiencias culturais que se ofrecen nos centros e servizos membros da Federación Autismo Galicia.

Comparte