Nova: 'Desde o invisible', en galego, no Salón Teatro

22/10/2019

'Desde o invisible', en galego, no Salón Teatro

A compañía La Quintana Teatro ocupará o escenario compostelán de xoves a domingo, con dúas funcións escolares e outras catro para público xeral

Á primeira representación seguirá un coloquio co equipo artístico e a do sábado será precedida da película ‘A gran voda 2.0’

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2019.- A compañía La Quintana Teatro traerá esta semana a Santiago de Compostela Desde o invisible, a súa primeira e aplaudida produción, gañadora do premio Max a mellor espectáculo revelación en 2008 e que se representa agora en versión galega con tradución a cargo de Santiago Cortegoso. O Salón Teatro acollerá a montaxe de xoves a domingo con catro funcións para público xeral e dúas destinadas a escolares.



Dirixida por Rolando San Martín a partir da dramaturxia de Irma Correa e Rubén Tejerina, Desde o invisible amosa situacións cotiás que non sempre son consideradas nin están en primeiro plano da actualidade social. A peza descubre distintas perspectivas dunha mesma realidade, o que fai que o espectador reformule o concepto do que é ser normal.

Dúas actrices interpretan máis de dez personaxes nun quebracabezas de vidas moi descoñecidas para moitos de nós, pero que tentan ser felices como o resto do mundo. Esther Aja, Nacho Martín e Victoria Teijeiro compoñen un elenco que se move na escenografía ideada por Alicia de Miguel e Ikerne Jiménez. A potencia do espectáculo reside no seu contido social tanto como na posta en escena, cunha estética sinxela que non fai concesións ao artificio nin ao sentimentalismo.

A primeira das funcións no escenario do Centro Dramático Galego (CDG) será o xoves (20,30 h.) e incluirá un coloquio co equipo da compañía ao seu remate. O venres haberá dous pases matinais para escolares e, xa pola tarde, retomaranse os de público xeral, que se estenderán ao sábado e ao domingo (Día do Espectador, ás 18,00 h.). As localidades están xa á venda no web entradas.abanca.com e tamén estarán dispoñibles no despacho de billetes nos días de apertura desde dúas horas antes do comezo do espectáculo.

A estadía de La Quintana no Salón Teatro complétase coa proxección da película A gran voda 2.0, realizada pola asociación de teatro inclusivo La Quinta del Arte. Rodado na madrileña praza de Lavapiés, o filme é unha falsa voda entre dúas persoas con discapacidade e nel participaron máis de 80 actores con e sen diversidade funcional (afeccionados e profesionais). Poderá verse o sábado ás 18,00 h., con entrada gratuíta.

Comparte