Nova: A accesibilidade universal centra os relatorios da II Xornada de Bibliotecas Públicas de Galicia

21/10/2019
A accesibilidade universal centra os relatorios da II Xornada de Bibliotecas Públicas de Galicia
O director xeral de Políticas Culturais participou na apertura desta cita que celebra a súa segunda edición despois do éxito acadado o pasado ano
A xornada rematou coa entrega do Premio de Innovación Bibliotecaria que recibiu a biblioteca Xosé Neira Vilas de Vigo
Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2019.- O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na inauguración da II Xornada de Bibliotecas Públicas de Galicia. Trátase dunha cita que, despois do éxito acadado no 2018, celebra este ano a súa segunda edición baixo o lema Bibliotecas inclusivas: accesibles a todas e todos e co obxectivo de destacar o importante papel que deben desempeñar as bibliotecas como espazos accesibles e integradores das persoas con diversidade funcional.
Para iso, contou coa participación de expertos de recoñecido prestixio no ámbito bibliotecario e da accesibilidade que, ao longo da xornada, ofreceron varios relatorios sobre a accesibilidade universal, co obxectivo de fomentar a autonomía das persoas nos espazos da biblioteca ou os fondos documentais accesibles e adaptados ás diversas necesidades lectoras e audiovisuais. Tratouse tamén a importancia de formar ao persoal das bibliotecas na atención á diversidade ou da necesidade de adaptar os servizos tradicionais e proporcionar servizos adaptados a colectivos con discapacidade.
Como novidade, a edición deste ano, que contou coa asistencia de 170 participantes, tamén acolleu experiencias reais que permitiron exemplificar os contidos teóricos que se debateron neste encontro. Deste xeito, todos estes temas completáronse cunha visión máis práctica a través de experiencias como Biblioterapia, lecturas saudables, o exemplo de accesibilidade da Biblioteca José Hierro de Talavera de la Reina, ou a colaboración coa ONCE da Biblioteca Pública do Estado en Santander-Biblioteca Central de Cantabria. Outros casos prácticos que se analizaron nesta xornada foron o da biblioteca escolar inclusiva do Centro de Educación Especial de Vilagarcía de Arousa ou o caso de integración do club de lectura da Biblioteca Pública de Ourense.
Premio Innovación Bibliotecaria
Como remate da xornada, entregouse o Premio de Innovación Bibliotecaria, un recoñecemento ao labor das bibliotecas e axencias de lectura públicas municipais de Galicia que leven a cabo proxectos e boas prácticas innovadoras, de utilidade para as persoas usuarias, sustentables no tempo e achegados ao contexto local no que se insiren. Este ano o galardón, dotado cun único premio de 3.000 euros e un distintivo de biblioteca innovadora, recaeu na biblioteca Xosé Neira Vilas de Vigo, co proxecto Mapa literario de Vigo mediante o cal se creou unha páxina web que recolle en forma de liñas de transporte os diferentes escenarios que forman parte da trama de libros pertencentes a distintos tipos de xéneros literarios.