Nova: As probas oficiais de acreditación do Celga 4 e do Celga 2 celebraranse o 16 e o 17 de novembro

21/10/2019

As probas oficiais de acreditación do Celga 4 e do Celga 2 celebraranse o 16 e o 17 de novembro

Santiago de Compostela e Ponferrada acollen os exames da segunda convocatoria do ano, na EGAP e no IES Antonio Fraguas e mais na EOI, respectivamente

Un total de 1008 persoas están admitidas provisionalmente, 764 para acreditar o Celga 4 e 244 para acreditar o Celga 2

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2019.- A Xunta de Galicia fai públicas hoxe, mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) as datas de realización das probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 4 e 2, que foron convocadas mediante a Resolución do 2 de setembro de 2019.

Así, o 16 e 17 de novembro, Santiago de Compostela e Ponferrada acollen os exames da segunda convocatoria do ano, nos lugares nos que vén sendo habitual: na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e no IES Antonio Fraguas e mais na Escola Oficial de Idiomas, respectivamente. Nelas están admitidas provisionalmente un total de 1008 persoas: 64 para acreditar o Celga 4 o día 16 de novembro (592 en Santiago de Compostela e 172 en Ponferrada) e 244 para acreditar o Celga 2 o día 17 de novembro (196 en Santiago de Compostela e 48 en Ponferrada).

As probas comezarán ás 09,00 horas e as persoas admitidas deberán presentarse ás 08:30 horas no centro de exame no que estean convocadas, e os chamamentos para a realización da parte oral comezarán pola letra Q. Toda a información pode consultarse no Portal da Lingua Galega, onde se farán públicas proximamente as listaxes definitivas de persoas admitidas.

Sistema Celga



O Celga é o certificado en lingua galega que expide a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e que acredita o coñecemento da lingua en cinco niveis: Celga 1, Celga 2, Celga 3, Celga 4 e Celga 5. Trátase dun modelo de aprendizaxe, ensino e avaliación de lingua galega adaptado ao Marco europeo común de referencia para as linguas definido polo Consello de Europa, no que se describen os coñecementos e habilidades que se contemplan en diferentes niveis para que a comunicación sexa eficaz.

O Celga proporciona unha base común para a elaboración de programas de linguas, orientacións curriculares, exames, manuais etc. en toda Europa e confígurase en distintos niveis de coñecemento. Para isto, recolle as habilidades que reflicten a competencia comunicativa nas distintas destrezas e agrupa os contidos en lingua e comunicación (aqueles aspectos relacionados coas funcións comunicativas) e lingua e sistema (os vinculados co coñecemento do código e contidos socioculturais).

Comparte