Nova: Oliver Laxe, Uqui Permui, Miguelanxo Prado, Daniel Canogar, Janet Novás ou Carlos Sedes participan en 'Audacia'

18/10/2019
Oliver Laxe, Uqui Permui, Miguelanxo Prado, Daniel Canogar, Janet Novás ou Carlos Sedes participan en 'Audacia'
Román Rodríguez presenta o festival ‘Audacia’ como o grande escaparate do futuro creativo e o talento emerxente de Galicia
Enmarcado na programación do Xacobeo 21, o primeiro festival de artes e emprendemento de Galicia celébrase hoxe e mañá no Gaiás, con entrada de balde e coa participación dun milleiro de estudantes e docentes de ensinanzas artísticas
‘Audacia’ configúrase como un espazo de intercambio, aprendizaxe e descuberta de casos de éxito, ademais de pór en valor as artes como actividade económica
“Moi probablemente hoxe está aquí bastantes dos protagonistas dos premios Mestre Mateo, María Casares, Goya ou Max dos vindeiros anos”, sinalou o titular de Cultura e Turismo
Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2019.- Audacia, o primeiro festival de artes e emprendemento de Galicia, organizado pola Xunta congrega hoxe e mañá no Museo Centro Gaiás arredor de 1.000 estudantes e docentes de 17 centros de ensino artístico de toda Galicia. O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, achegouse este mediodía ao festival, onde destacou que “o esencial deste evento, encadrado na programación do Xacobeo 21, é a súa aposta polo noso futuro creativo”.
“Moi probablemente hoxe están aquí bastantes dos protagonistas dos premios Mestre Mateo, María Casares, Goya ou Max dos vindeiros anos”, sinalou o titular de Cultura do Goberno galego, referíndose aos numerosos estudantes e emprendedores de campos tan diversos como o audiovisual, as artes plásticas e escénicas, a fotografía, ou a moda que estes días participan en Audacia. Neste encontro, van ter a oportunidade de coñecer e aprender da experiencia de grandes talentos da cultura como Oliver Laxe, Miguelanxo Prado, Janet Novás, Daniel Canogar, Carlos Sedes ou Uqui Permui, entre moitos outros.
O festival é polo tanto, en palabras do representante da Xunta, “unha moi boa oportunidade para xerar ideas, centrar proxectos e tecer relacións entre os protagonistas do noso presente e do noso futuro creativo”. O conselleiro destacou tamén a aposta decidida do Goberno galego, con iniciativas coma esta, por “apoiar aos profesionais en activo, estimular o noso talento emerxente, e tamén ampliar a oferta cultural de Galicia en número e calidade”.
Espazo de intercambio
Audacia configúrase así como un espazo de intercambio no que descubrir ideas e procesos de traballo que poñen en valor a ousadía e o risco, ademais dun escaparate no que artistas, profesionais e emprendedores do eido cultural poden dar a coñecer o seu traballo e establecer relacións que consoliden a utilidade das artes como actividade económica.
Con entrada de balde e aberto a todo tipo de público interesado na arte e a creación, a programación do festival inclúe charlas e formacións exprés, unha zona expositiva e showroom de empresas e emprendedores e tamén espectáculos artísticos especialmente anovadores.
Proxectos de O teu Xacobeo
Entre a oferta de Audacia teñen tamén unha presenza destacada os proxectos de O teu Xacobeo, o programa da Xunta que está propiciando a posta en marcha de máis de 350 iniciativas de dinamización en toda Galicia como antesala do próximo Ano Santo. O programa, que conta cun investimento total de 4,7 millóns de euros, busca favorecer a participación e a descentralización do vindeiro Xacobeo 21.
Así, dentro deste espazo, os promotores de 14 proxectos exporán a súa iniciativa ao público interesado que se achegue ao festival. Entre elas atópanse propostas de eidos tan diversos como festivais musicais, experiencias audiovisuais interactivas, teatro, iniciativas gastronómicas ou programación infantil, todas elas co Camiño de Santiago como eixo común.
Cidade da Cultura, a innovación e o emprendemento
Audacia enmárcase dentro da programación da Cidade da Cultura, que conta ten no emprendemento, a tecnoloxía e a cultura os seus tres eixos principais de actuación. Este feito foi posto tamén de relevo polo conselleiro de Cultura e Turismo, que quixo destacar que “desde as grandes infraestruturas culturais do século XXI trabállase para atraer turismo e investimentos, pero tamén para ser recoñecidas como centros de creación, promotores de cultura e de iniciativas útiles para a sociedade”, sinalou.
Neste senso, a Cidade da Cultura confirma con Audacia a súa aposta –iniciada co impulso do Centro de Emprendemento de Galicia– por desenvolver unha programación que estimule o talento e cree cultura emprendedora en Galicia. Só en 2018 programáronse máis de 70 actividades en torno á creación e á innovación, ás que asistiron arredor de 14.000 persoas, mentres que desde 2012 pasaron por este Centro do Gaiás máis de 400 proxectos innovadores.