Nova: Unha ducia de empresas e institucións integran a representación audiovisual galega no MIPCOM de Cannes

12/10/2019
Unha ducia de empresas e institucións integran a representación audiovisual galega no MIPCOM de Cannes
Ata a localidade francesa desprazaranse a semana que vén representantes das compañías Belle Films, Big Rigts, Cinema Ibero Lusa, CTV, Ficción, Pequerrecho Subtitulacións, Portocabo, Tamboura e Zenit TV, así como da Agadic, Clag e CRTVG
Presentarase internacionalmente a coprodución galego-portuguesa ‘Auga seca’, ademais de se celebrar un evento de promoción da marca Films from Galicia
Santiago de Compostela, 12 de outubro de 2019- Unha ducia de empresas e institucións representarán o audiovisual galego a semana que vén en Cannes durante a celebración da trixésima edición do mercado MIPCOM, a meirande feira mundial para a compra-venda de contidos audiovisuais de entretemento, que terá lugar do 14 ao 17 de outubro no Palais de Festivals desta cidade francesa.
Como en anos anteriores, a Xunta disporá alí dun espazo para a difusión da marca Films from Galicia e que funcionará tamén como punto de encontro da delegación comercial e institucional galega. Este é un dos vinte expositores do pavillón español, organizado polo ICEX España Exportación e Inversiones, onde na tarde do martes 15 terá lugar un evento de promoción do noso audiovisual, para o que se conta coa colaboración de Galicia Calidade.
Filmes, series e programas de entretemento para televisión conforman o eixo central da oferta galega no MIPCOM, ao que se desprazarán representantes das empresas Belle Films, Big Rights, Cinema Ibero Lusa, CTV, Ficción Producciones, Pequerrecho Subtitulacións, Portocabo, Tamboura Films e Zenit TV, así como da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo, do Clúster Audiovisual Galego (Clag) e da CRTVG.
A meirande parte destas compañías viaxan a Cannes para ampliar as oportunidades de financiamento e procurar socios internacionais para a coprodución dos seus proxectos en carteira, así como para a distribución dos produtos xa finalizados, entre outras prioridades.
Pase en exclusiva
É o caso da serie Auga seca, unha coprodución galego-portuguesa encabezada por Portocabo e a empresa lusa SP-i para a TVG e a RTP, que contou tamén con subvención da Xunta para a súa realización. O Auditorium K do Palais des Festivals será o escenario do seu pase en exclusiva para os acreditados no mercado, programado para o mércores día 16 ás 12,00 h.
O MIPCOM atópase entre as oito citas obxecto da convocatoria de subvencións para a asistencia a mercados e foros internacionais do sector, publicada no DOG o pasado 25 de marzo e ás que poden opar as produtoras e distribuidoras que integran as delegacións audiovisuais galegas a estas feiras.