Nova: A Xunta e a Organización de Estados Iberoamericanos impulsan a creación da Cátedra Iberoamericana de Itinerarios Culturais

09/10/2019

A Xunta e a Organización de Estados Iberoamericanos impulsan a creación da Cátedra Iberoamericana de Itinerarios Culturais

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o secretario xeral da OEI, Mariano Jabonero, acordan medidas para avanzar no estudo de novos itinerarios culturais seguindo o exemplo do Camiño de Santiago

Salientou que se trata dunha “achega idónea” para o Centro Europeo de Investigación en Paisaxes Culturais (CEIPAC) que albergará o novo edificio Fontán da Cidade da Cultura

O acordo tamén contempla a programación de eventos vinculados ao Xacobeo 21, mobilidades artísticas e o fomento da lusofonía

Trátase do primeiro convenio bilateral que a Organización de Estados Iberoamericanos asina cunha comunidade autonómica no ámbito da cultura

  • A Xunta e a Organización de Estados Iberoamericanos impulsan a creación da Cátedra Iberoamericana de Itinerarios Culturais A Xunta e a Organización de Estados Iberoamericanos impulsan a creación da Cátedra Iberoamericana de Itinerarios Culturais

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2019.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o secretario xeral da Organización de Estados Iberoamericanos para a Educación, a Ciencia e a Cultura (OEI), Mariano Jabonero, asinaron hoxe un convenio de colaboración que permitirá, entre outras medidas, impulsar a creación da Cátedra Iberoamericana de Itinerarios Culturais.

O acordo rubricado na Cidade da Cultura é o primeiro convenio bilateral que a OEI asina cunha comunidade autónoma no ámbito da cultura e ten por finalidade impulsar a cooperación en estas materias a ambos lados do océano poñendo así en valor a importancia do vínculo de Galicia con Iberoamérica a través do Atlántico. Así, tal e como explicou o titular de Cultura e Turismo, crearanse sinerxias e buscaranse novas oportunidades fomentando a educación e a cultura como factores de desenvolvemento social, persoal e económico. “Trátase dun acordo que encaixa á perfección coa aposta do Goberno galego pola innovación e co compromiso da Xunta de Galicia co impulso do talento e a creatividade”, subliñou Román Rodríguez.

A nova Cátedra Iberoamericana de Itinerarios Culturais é unha proposta que impulsará o estudo e desenvolvemento de novos itinerarios culturais seguindo o exemplo do Camiño de Santiago e valéndose da celebración do Xacobeo como caso de éxito. Trátase, tal e como salientou o conselleiro, “dunha achega idónea” para o Centro Europeo de Investigación en Paisaxes Culturais (CEIPAC) que albergará o edificio Fontán, o novo inmoble da Cidade da Cultura que estará operativo no vindeiro Ano Santo.

Outras áreas de colaboración

Ademais desta cátedra, o convenio asinado hoxe tamén contempla outras liñas e áreas de colaboración enfocadas a contribuír ao traballo que realiza a Xunta de Galicia no marco da celebración do Xacobeo 21. Neste sentido, deseñarase un programa de encontros dos países Iberoamericanos co obxectivo de desenvolver unha axenda cultural de calidade ao longo do ano 2021. Esta actividade complementarase con outros eventos vinculados á cultura como o irmandamento con outras cidades e vilas que compartan o nome de Santiago ou a celebración de encontros en áreas de interese común para todos os países iberoamericanos como pode ser a gastronomía.

Por outra banda, ao amparo deste acordo tamén se impulsarán mobilidades artísticas que incluirán tanto estadías no estranxeiro de autores galegos como acollidas de artistas foráneos. Por último, co obxectivo de fortalecer os vínculos e a proxección de Galicia nas culturas iberoamericanas, tamén se porán en marcha programas de cooperación no fomento da lusofonía vinculados aos Centros de Estudos Galegos no Exterior.

“Todas elas son accións fundamentais de cara a organización do vindeiro Ano Santo, unha oportunidade na que os países iberoamericanos tamén estamos chamados a ter un papel protagonista”, explicou Román Rodríguez que, ademais, precisou que o Xacobeo é unha celebración “que reivindica todo o que nos une”.

Sobre a Organización de Estados Iberoamericanos (OEI)

A Organización de Estados Iberoamericanos para a Educación, a Ciencia e a Cultura (OEI) é o primeiro organismo intergobernamental de cooperación do espazo iberoamericano. Desde 1949 traballa fomentando a cooperación nos seus tres campos de actuación. Na actualidade, forman parte da OEI 23 Estados membros e conta con 18 oficinas rexionais, ademais da súa Secretaría Xeral en Madrid.

Comparte