Nova: Os VII Premios Emprende Gaiás–Sixto Seco apoian ideas innovadoras no eido da cultura e a creación artística

05/10/2019

Os VII Premios Emprende Gaiás–Sixto Seco apoian ideas innovadoras no eido da cultura e a creación artística

Outorgaranse dous premios dotados cada un deles con 3.000 euros en metálico, acceso de balde ao coworking do Centro de Emprendemento do Gaiás durante un ano e asesoramento para a posta en marcha do proxecto emprendedor

Establécense dúas categorías: aplicacións informáticas ou proxectos en internet; e iniciativas no ámbito do deseño, a xestión cultural e a creación artística e plástica

O prazo de solicitudes está aberto desde o 5 de outubro ata o 4 de novembro

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2019.- A Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, vén de convocar a sétima edición dos premios Emprende Gaiás–Sixto Seco, concurso que impulsa o desenvolvemento de ideas emprendedoras relacionadas coas industrias culturais en Galicia. Ao igual que na pasada edición, poderanse presentar candidaturas en dúas categorías diferentes: aplicacións informáticas relacionadas co sector cultural ou proxectos culturais na internet, e proxectos na área do deseño, a xestión cultural e a creación artística e plástica. Os premios contan, ao igual que en pasadas edicións, coa colaboración do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

Será galardoado o mellor proxecto de cada categoría, recibindo un premio en metálico de 3.000 euros e –se así o desexan– a incorporación gratuíta durante doce meses ao coworking do Centro de Emprendemento Cultural e Creativo do Gaiás. Coa súa integración no coworking, os emprendedores accederán a un programa de titoría personalizado que lles servirá de guía para desenvolver a súa idea e disporán dun espazo dotado de todos os servizos e prestacións necesarias para a posta en marcha dos seus proxectos. Ademais, poderán asistir ás actividades de formación gratuítas promovidas pola Cidade da Cultura de Galicia.

O prazo para a presentación de candidaturas aos VII Premios Emprende Gaiás–Sixto Seco está aberto desde o 5 de outubro ata o 4 de novembro. A convocatoria diríxese a deseñadores–ilustradores, profesionais da comunicación, produtores, xestores culturais, programadores e calquera outra persoa vinculada ao emprendemento cultural ou á creación artística e plástica que queira desenvolver a súa actividade en Galicia, independentemente da súa nacionalidade. Poderán participar de maneira individual ou en equipo sempre que non iniciasen actividade profesional ou empresarial para desenvolver a idea emprendedora presentada a concurso ou o fixesen con menos de seis meses de antelación á data de adxudicación dos premios.

Documentación a achegar

Xunto coa súa solicitude, deberán presentar a documentación acreditativa de todas as persoas implicadas no proxecto e unha memoria na que se explique de maneira detallada en que consiste a súa idea emprendedora, o plan de viabilidade para facela realidade, o valor engadido que achega ao ámbito cultural e creativo en Galicia e unha descrición do grupo de traballo, destacando a súa experiencia previa e formación. As bases do concurso e a solicitude de inscrición están dispoñibles en www.cidadedacultura.gal.

A presentación realizarase preferiblemente por vía electrónica da sede electrónica da Xunta de Galicia. Opcionalmente, a documentación complementaria poderá entregarse de maneira presencial no Rexistro da Fundación Cidade da Cultura de Galicia ou por correo postal dirixido á Fundación.

Innovar no ámbito da cultura

Con esta nova edición, os Premios Emprende Gaiás–Sixto Seco consolídanse como unha das liñas de programación da Cidade da Cultura destinadas a favorecer o emprendemento no eido da creación e da cultura, que este ano amplía a súa oferta con Audacia, o primeiro gran festival de artes e emprendemento de Galicia, que terá lugar o 18 e 19 de outubro no Museo Centro Gaiás.

Desde a súa primeira convocatoria no ano 2013, os Premios Sixto Seco favoreceron a posta en marcha de dezasete proxectos que apostan por innovar con produtos e servizos no ámbito da cultura. Entre as propostas gañadoras nos últimos anos hai desde un proxecto para a creación da primeira gaita electrónica, baseada en software e hardware libre ¬–Gaita galega MIDI–, unha aplicación móbil para dar a coñecer a pequenos produtores –I’m local–, unha empresa dedicada á fabricación de xoguetes infantís e recursos didácticos con cartón para docentes e familias –Kandoro–, unha plataforma online destinada a conectar a profesionais do sector musical para a produción e difusión de eventos –Soundslikemarket–, ou un proxecto que combina a impresión 3D co mundo da repostería –Cake Artist–.

Homenaxe a Sixto Seco

O emprendemento figura, xunto coa tecnoloxía e a cultura, como un dos tres eidos nos que opera a Cidade da Cultura. Neste sentido, o Centro de Emprendemento Cultural e Creativo do Gaiás conta na actualidade cun viveiro de empresas, cunha área tecnolóxica –en colaboración coa Amtega– e cun coworking, espazos que acollen arredor dun cento de proxectos empresariais innovadores. O CEM ofrece tamén, ademais dun programa de titoría para as persoas emprendedoras residentes, unha variada programación de actividades totalmente aberta e na que en 2018 participaron máis de 14.000 persoas.

Os premios Emprende Gaiás-Sixto Seco homenaxean a figura dun promotor cultural de primeira orde como foi o médico e intelectual galego Agustín Sixto Seco. Ademais do seu papel clave na medicina galega, participou desde a década dos 70 en proxectos editoriais como Galaxia, en padroados como o de Rosalía de Castro e da Fundación Otero Pedrayo, así como en fundacións como Penzol, Castelao, Camilo José Cela ou no Museo do Pobo Galego. Tralo seu pasamento, a súa biblioteca e arquivo persoal –integrada por máis de 4.000 volumes que inclúen importantes exemplares dos primeiros tempos da edición galega de posguerra ou obras procedentes da emigración americana, entre outros moitos fondos– forman parte da Biblioteca de Galicia, situada na Cidade da Cultura.

Comparte