Nova: Aberto o prazo de participación no VII Premio Galicia de Fotografía Contemporánea

01/10/2019

Aberto o prazo de participación no VII Premio Galicia de Fotografía Contemporánea

Anxo M. Lorenzo presenta o VII Premio Galicia de Fotografía Contemporánea que promove novas creacións nesta disciplina

O Festival Outono Fotográfico, a Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo convocan o certame, dotado cun premio que consiste na produción dunha exposición temporal e na edición dun libro co traballo gañador

O prazo para a presentación de propostas remata o 12 de novembro

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2019.- O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe no CGAC na presentación das bases da VII edición do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, un galardón convocado polo Festival Outono Fotográfico, a Xunta de Galicia e a Deputación Provincial de Lugo e que ten por obxectivo promover novas creacións nesta disciplina artística.

Anxo M. Lorenzo destacou que o certame constitúe unha plataforma para dar a coñecer o talento dos creadores que están a empregar as linguaxes fotográficas actuais para producir o seu traballo. Así mesmo, destacou o peso que adquire cada ano o premio, no que en anteriores edicións participaron autores referenciais.

O certame está dotado cun único premio que consiste na produción dunha exposición temporal que se inaugurará entre os meses de decembro de 2019 e xaneiro de 2020 no marco do Festival Outono Fotográfico e que poderá itinerar durante dous anos dentro da súa programación e tamén da que promovan con tal motivo tanto a Deputación de Lugo como a Xunta de Galicia. As exposicións que viron a luz no marco deste certame percorreron diversos puntos tanto de Galicia como do resto da Península Ibérica, entre eles Vigo, A Coruña, Ferrol, Segovia, Valladolid, Braga e Lisboa. Ademais, algunhas das mostras chegaron tamén a Fortaleza (Brasil), Atenas (Grecia), París (Francia) e Oslo (Noruega).

A edición do libro co traballo gañador, dentro da serie Premio Galicia de Fotografía Contemporánea da colección OF, completa o galardón deste certame fotográfico. Ademais, unha selección de fotografías do proxecto formará parte do libro do Festival Outono Fotográfico do ano seguinte.

Os participantes deberán presentar un proxecto fotográfico realizado en calquera data comprendida entre setembro de 2009 e setembro de 2019, e que non fora subvencionado ou recibise unha bolsa na súa totalidade anteriormente noutro certame, nin editado na súa totalidade en calquera soporte. Respecto do tema e mais da técnica terán absoluta liberdade.

Aberto o prazo de presentación

As persoas interesadas poderán presentar as súas obras ata o 5 de novembro de 2019 e, como novidade este ano, os proxectos poderán enviarse de xeito telemático a través da web http://www.outonofotografico.com/. Como en anteriores edicións, tamén poderán facelo por correo ou por medio de calquera empresa de transporte a Difusora de Letras Artes e Ideas no enderezo postal que se especifica nas bases do certame.

Entre os proxectos que se presenten, o xurado seleccionará tres –atendendo á linguaxe visual do autor, á calidade fotográfica, á contemporaneidade–, que serán os finalistas. Os seus nomes publicaranse o 12 de novembro de 2019 na web e nas redes sociais do festival. O nome do gañador será designado polo xurado 48 horas despois e publicado nas referidas canles.

Comparte