Nova: 'O que arde' fai a súa preestrea en Navia de Suarna

29/09/2019
'O que arde' fai a súa preestrea en Navia de Suarna
Román Rodríguez pon en valor o talento do audiovisual galego na presentación do filme 'O que arde'
O conselleiro de Cultura e Turismo asistiu á presentación do filme en Navia de Suarna, a principal localización da rodaxe, previo a súa estrea en cines o vindeiro 11 de outubro
Oliver Laxe ven de ser laureado no Festival de Cannes e a cinta foi proxectada no Festival de Cine de San Sebastián hai só uns días
Navia de Suarna (Lugo), 29 de setembro de 2019.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, acompañado polo director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, asistiron hoxe á presentación do filme O que arde en Navia de Suarna, a principal localización da rodaxe de Oliver Laxe que chegará ás salas comerciais de toda España en menos de dúas semanas, o 11 de outubro.
O acto celebrado na vila luguesa é, tal e como destacou o titular de Cultura e Turismo, “un acto simbólico que supón o regreso ás orixes dun proxecto chamado a acadar grandes éxitos”. Nesta liña, Román Rodríguez expresou o seu orgullo polo logrado até o momento “empezando porque o galego se escoitase por primeira vez en Cannes ou por amosar esta montaña luguesa coa humanidade, fondura e emoción co que o fai Oliver Laxe”, afirmou.
Por outro lado, o conselleiro de Cultura e Turismo aseverou que o éxito de Laxe reflicte a fortaleza do sector audiovisual galego que conta cunha estrutura forte e profesionalizada, competitivo no escenario nacional e tamén no internacional. Así mesmo, destacou a traxectoria deste director cuxa película, O que arde, acadou Premio do Xurado da sección Un Certain Regard no Festival Internacional de Cine de Cannes e foi proxectada no Festival de Cine de San Sebastián hai só uns días.
Rodada integramente en galego en varias localizacións dos Ancares e doutros puntos de Galicia durante o pasado verán, esta terceira longa de Oliver Laxe contou co apoio da Xunta para a súa produción, encabezada pola empresa compostelá Miramemira.