Nova: Patrimonio resolve reiterar ao Concello da Coruña os requisitos técnicos trasladados en outubro de 2017 para poder autorizar as obras na Fábrica de Tabacos

26/09/2019
Patrimonio resolve reiterar ao Concello da Coruña os requisitos técnicos trasladados en outubro de 2017 para poder autorizar as obras na Fábrica de Tabacos
O Consello Territorial da provincia tamén informou favorablemente á actuacións nos concellos de Cambre, Santiago, Padrón, Mugardos e Ferrol
A Coruña, 26 de setembro de 2019.- O Consello Territorial de Patrimonio de Galicia resolveu reiterar os requisitos técnicos e patrimoniais, recollidos no informe de outubro de 2017, necesarios para poder autorizar as obras no espazo na Fábrica de Tabacos que se puxo a disposición do Concello fai máis dun ano.
O novo proxecto presentado polo goberno local non reúne todos os requisitos establecidos no 2017. O Consello resolveu que a proposta para habilitar unha entrada na parte posterior do edificio segue distorsionando a concepción do inmoble que xa conta cunha entrada principal polo que o efecto na fachada posterior ten que reducirse ao mínimo.
Ademais, non se presentou o informe do arqueólogo municipal e tampouco se contempla no proxecto a captación dos pozos, entre outros aspectos.
Na comarca da Coruña, concretamente en Cambre informouse favorablemente á restauración do Cruceiro de San Paio de Brexo.
Na comarca de Santiago valorouse positivamente en Padrón a limpeza e reparación do peche exterior do Xardín Botánico e no Concello de Santiago aprobouse a senda peonil dende Son de Abaixo ata a praia fluvial de Chaián.
Na comarca de Ferrolterra, en Mugardos deuse o visto bo á memoria para a rehabilitación do antigo cine Zárate como biblioteca municipal coa condición da presentación do proxecto de execución e en Ferrol deuse o visto no a intervención das cubertas pétreas e no sistema de evacuación de augas do Castelo de San Felipe, con previo control arqueolóxico.