Nova: O teu Xacobeo impulsa ‘Pequegrino’, unha credencial do Camiño para os máis pequenos

21/09/2019

O teu Xacobeo impulsa ‘Pequegrino’, unha credencial do Camiño para os máis pequenos

A comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, presenta esta iniciativa que pretende divulgar os valores do Camiño nun tramo da ruta portuguesa

  • Xacobeo 2021 Xacobeo 2021

Tui (Pontevedra), 21 de setembro de 2019.- A comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira, presentou hoxe, no marco do programa O teu Xacobeo, a iniciativa Pequegrino, unha credencial que os máis pequenos poden obter logo de percorrer un curto tramo do Camiño Portugués ao seu paso pola localidade de Tui.

Os máis peregrinos deberán seguir as frechas amarelas partindo da ponte internacional ata chegar a igrexa de San Bartolomé. Ao longo deste percorrido, polo que descubrirán algúns datos sobre o patrimonio deste Camiño como que o pórtico da catedral de Tui foi o primeiro de seu tipo de toda a Península, deberán obter un mínimo de tres selos. Unha vez rematado, os nenos só terán que pasar unha proba máis: acertar tres enigmas, a modo de xogo. Logo disto xa poderán recoller o seu diploma de Pequegrino no albergue Ideas Peregrinas ou na oficina de Turismo do Concello de Tui.

Na presentación, Cecilia Pereira estivo acompañada polas promotoras da iniciativa, Mónica e Silvana Crisóstomo, de Ideas Peregrinas, e máis polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro. Todos eles, xunto a un grupo de pequenos e as súas familias, realizaron un pequeno percorrido ata o pórtico da catedral de Tui. Pereira louvou o proxecto por permitir achegar aos máis pequenos os valores do Camiño de Santiago.

Ao abeiro de O teu Xacobeo, programa de dinamización do Ano Santo 2021, ten previsto desenvolverse ao longo do actual curso escolar varias accións co obxectivo de achegar a miles de escolares de Galicia a importancia do Camiño de Santiago. Algunhas destas propostas son xornadas, unidades didácticas, tramos segundo as idades, ou actividades extraescolares que teñen o Camiño de Santiago e o seu patrimonio, como tema central.

O teu Xacobeo é un programa aberto a toda a sociedade galega para propiciar a posta en marcha de 352 proxectos, cunha inversión de 4,7 millóns de euros, buscando sempre a participación e a descentralización do vindeiro Ano Santo.

Comparte