Nova: Aposta por estreitar os lazos co norte de Portugal a través dunha residencia artística en San Simón

20/09/2019
Aposta por estreitar os lazos co norte de Portugal a través dunha residencia artística en San Simón
Anxo Lorenzo destaca na inauguración de ‘Nortear Ilustrado’ o papel dos actores culturais e creadores nos procesos de desenvolvemento e innovación social
Redondela (Pontevedra), 20 de setembro de 2019.- A Illa de San Simón acolle entre hoxe e o domingo a primeira edición de Nortear ilustrado San Simón. Un encontro concibido e desenvolto dentro do Proxecto Nortear en formato de residencia artística no que participan un total de catro ilustradores de Galicia e da Rexión Norte de Portugal. Na súa intervención de inauguración desta cita artística, o director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, destacou “a importancia de estreitar lazos cos veciños lusos a través da creación artística” e reivindicou “o importante papel que xogan os actores culturais e creadores nos procesos de desenvolvemento e innovación social”.
Esta cita reúne a catro acreditados profesionais do mundo da ilustración. Laura Cortés e Fran Bueno, pola parte galega, e Eduardo Porto e Fátima Bravo, pola banda portuguesa. Cada un deles desenvolverán ao longo dos tres días unha extensa e variada actividade creativa que inclúe obradoiros, charlas ou a produción de obra plástica.
No marco deste evento, cabe destacar a presenza durante a tarde de mañá de alumnado das escolas de artes Antonio Faílde de Ourense e Pablo Picasso da Coruña, así como do máster do Libro Ilustrado da facultade de Belas Artes de Pontevedra. Para eles, os profesionais participantes desenvolverán unha serie de actividades específicas, entre as que destacan a creación dunha páxina de cómic, charlas ou a elaboración de serigrafías. O material producido neste encontro será recollido nunha publicación e tamén dará lugar a realización dunha exposición xunto cos materiais de futuros encontros de ilustradores.
Na inauguración participaron, ademais de Anxo M. Lorenzo, o xefe de división da Dirección Regional de Cultura do Norte de Portugal, João Ribeiro da Silva; o director da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal, Xosé Lago; a subdirectora xeral de Bibliotecas e do Libro, Cristina Rubal; e a coordinadora do encontro, Matilde Rodríguez.
Estreitando os lazos a través da cultura
A Consellería de Cultura e Turismo, xunto coa Dirección Rexional de Cultura do Norte, e o Agrupamento europeo de Cooperación Territorial da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, participan a través dun Memorando de Entendemento nun proxecto europeo para fomentar o coñecemento mutuo e a difusión da cultura de Galicia e da rexión Norte de Portugal, denominado Nortear.
As tres entidades, que colaboran de forma continuada, promoven diferentes actividades con vistas a un maior coñecemento mutuo a través da cultura, da literatura e da creación artística en ambos os dous territorios, impulsando a expansión e o coñecemento do tecido artístico e creativo, así como estimulando dinámicas de colaboración entre os axentes culturais deste espazo de cooperación.