Nova: O teu xacobeo pon en marcha Musgo, o primeiro festival de música do outono en Ourense

19/09/2019

O teu xacobeo pon en marcha Musgo, o primeiro festival de música do outono en Ourense

Celebrarase o 19 de outubro e polo seu escenario pasarán artistas indie como Blanco Palamera ou Lince entre outras nacionais e internacionais

A comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira, presentou hoxe o evento

  • O teu xacobeo pon en marcha Musgo, o primeiro festival de música do outono en Ourense O teu xacobeo pon en marcha Musgo, o primeiro festival de música do outono en Ourense

Ourense, 19 de setembro de 2019.- O programa O teu Xacobeo pon en marcha Musgo, o primeiro festival musical de outono que acolle a cidade de Ourense e que se celebrará na praza Saco e Arce o 19 de outubro. O evento foi presentado pola comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira, quen destacou a descentralización deste programa da Xunta de Galicia e informou de que esta iniciativa cultural contará con oito concertos de música de balde.

Cecilia Pereira referiuse á capacidade de O teu Xacobeo para chegar a todos os públicos abarcando distintos estilos musicais nas propostas culturais que ao longo deste outono se espallarán por Galicia ao abeiro desta programación. Tamén incidiu na tradición xacobea de Ourense, de feito, o festival desenvolverase na zona sur do casco vello, que é a entrada natural da Vía da Prata na cidade das burgas.

Pola súa banda, Adrián Fragueiro, promotor do festival, salientou a necesidade de facer propostas culturais en espazos públicos desaproveitados e aclarou que o horario dos concertos rematará á medianoite para garantir o descanso da veciñanza. O promotor tamén explicou que o evento trata de dinamizar as rutas de peregrinación desta provincia como antesala do Ano Santo 2021.

Bandas indie nacionais e internacionais

As bandas que formarán parte do cartel de Musgo pertencen todas elas á escena independente e son tanto galegas como estatais e internacionais. É, polo tanto, o primeiro festival indie que se celebra en Ourense. Polo escenario de Musgo pasarase Blanco Palamera, de Compostela; Lince, de Portugal; Yana Zafiro, de Ucrania aínda que residentes en Murcia; Ladrillo y Mujer, de Ourense e Coruña; Whales, de Portugal; Mourn, de Barcelona; AK/DK, de Reino Unido e Baiuca, de Pontevedra.

Na provincia de Ourense, O teu Xacobeo permite impulsar 33 proxectos en diversos concellos da provincia. Estas iniciativas supoñen un investimento de máis de 350.000 euros por parte da Xunta de Galicia e permitirá mobilizar preto de 615.000 euros.

Comparte