Nova: A mostra 'Antonio Fraguas, memoria dun soño' exhíbese en Arteixo ata o 30 de setembro

18/09/2019
A mostra 'Antonio Fraguas, memoria dun soño' exhíbese en Arteixo ata o 30 de setembro
A mostra conmemorativa das Letras Galegas 2019 promovida pola Xunta de Galicia pode visitarse ata o día 30 no Centro Cívico e Cultural arteixán
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, inaugurouna hoxe
Arteixo (A Coruña), 18 de setembro de 2019.- A mostra Antonio Fraguas, memoria dun soño. Viaxe a unha Galicia orgullosa de si mesma, promovida pola Consellería de Cultura e Turismo no marco da programación institucional Letras Galegas 2019, exhíbese durante esta segunda quincena de setembro en Arteixo, no marco da participación do concello coruñés na Rede de Dinamización Lingüística.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu á inauguración, que tivo lugar esta mañá, onde destacou que “con esta exposición se lle rende tributo a un home comprometido totalmente con Galicia, coa cultura popular e coa lingua galega, que sempre defendeu como idioma de expresión válido para calquera área de coñecemento”.
Acompañárono as concelleiras de Cultura e de Promoción Económica, Participación, Xuventude e Novas Tecnoloxías, Ana Bello e Patricia Amado, respectivamente; e Ramón Vilar, en representación de Ronsel de Ideas, empresa encargada do deseño do proxecto.
Tras pasar por oito localidades galegas desde o inicio da súa itinerancia en maio (Santiago de Compostela, Ourense, Cercedo-Cotobade, A Coruña, Lugo, Vigo e Ferrol), a mostra pode verse desde hoxe e ata o 30 de setembro no Centro Cívico e Cultural arteixán. As tres últimas paradas do ano serán nos concellos da Estrada (na Casa das Letras, do 1 ao 15 de outubro), en Amoeiro (na sede da Fundación Ramón Otero Pedrayo, do 16 ao 31 de outubro) e en Celanova (na Casa dos Poetas-Fundación Manuel Curros Enríquez, do 1 ao 15 de novembro).
Viaxe pola traxectoria do autor
A exposición Antonio Fraguas, memoria dun soño forma parte da programación institucional Letras Galegas 2019 da Xunta de Galicia. Deseñada e producida por Ronsel de Ideas, consta dun cuadríptico explicativo e de 12 paneis en que se fai un percorrido pola vida de Antonio Fraguas e as achegas que, en diferentes momentos dela, este lle fixo á cultura galega, ata que, no final da súa existencia, coa chegada da democracia e da autonomía para Galicia, empezou a ver como se materializaba o vello soño que guiara o seu percorrido vital. Ao tempo que presenta a traxectoria de Antonio Fraguas, a mostra vai ofrecendo datos acerca da sociedade, da economía ou da política de cada momento histórico que axudan a comprender a súa figura e a súa obra. Toda a información e materiais no Portal da Lingua Galega.