Nova: Os ensaios da ópera Tosca, aperitivo do Festival Outono Lírico

17/09/2019
Os ensaios da ópera Tosca, aperitivo do Festival Outono Lírico
Anxo M. Lorenzo e Corina Porro asisten aos ensaios da ópera 'Tosca' no marco do Festival Outono Lírico
A representación desta composición de Giacomi Puccini, que conta co apoio da Xunta, terá lugar o vindeiro sábado no Teatro Afundación de Vigo
Vigo, 17 de setembro de 2019.- O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, asistiron hoxe aos ensaios da ópera do compositor Giacomi Puccini Tosca, que se representará no marco do Festival Outono Lírico o vindeiro domingo 21 de setembro no Teatro Afundación da cidade olívica.
Tratarase dunha actuación coa orquestración completa e será unha versión semirrepresentada a cargo da Orquestra Vigo 430 e acompañada polo Coro Rías Baixas. Outra das datas destacables da programación deste ano será o vindeiro 27 de outubro, día no que vigueses e visitantes terán a oportunidade de desfrutar de Il Barbiere di Siviglia, de Gioachino Rossini e libreto de Cesare Sterbini. A representación operística terá lugar no Teatro Sala de Concertos Afundación a partir das 19,30 horas.
O Festival Outono Lírico está impulsado pola Xunta de Galicia como mostra do compromiso do Goberno autonómico coa cultura na cidade olívica Para isto, o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, asinou un convenio de colaboración coa Asociación Amigos da Ópera de Vigo dotado con 20.000 euros, o que supón un incremento do 33% en relación á edición do pasado ano.