Nova: Maior apoio ao Festival Outono Lírico de Vigo

16/09/2019

Maior apoio ao Festival Outono Lírico de Vigo

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, asina un convenio de colaboración coa Asociación Amigos da Ópera de Vigo

Vigo, 16 de setembro de 2019.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, ven de asinar un convenio co presidente da Asociación Amigos da Ópera de Vigo, Pedro Pablo Gutiérrez, para impulsar a realización do Festival Outono Lírico. Trátase dun acordo que pon de manifesto o compromiso do Goberno autonómico coa cultura na cidade en Vigo, xa que achegará a través deste convenio 20.000 euros, o que supón un 25% máis que na edición do pasado ano.

Grazas a este acordo a Asociación Amigos da Ópera de Vigo impulsará a programación do Festival Outono Lírico, un festival que conta cunha oferta variada e de calidade e que se mantén no tempo desde o ano 2006 e que conta cunha gran repercusión internacional. Este convenio reforza a posibilidade de ter funcións de ópera na cidade olívica e verase cumprido coa representación da ópera do compositor Giacomi Puccini Tosca, o vindeiro 22 de setembro, ás 20,30 horas, no Teatro Afundación de Vigo. Tratarase dunha actuación coa orquestración completa e será unha versión semirepresentada a cargo da Orquestra Vigo 430 e acompañada polo Coro Rías Baixas.

Outra das datas destacables da programación deste ano será o vindeiro 27 de outubro, día no que vigueses e visitantes terán a oportunidade de desfrutar de Il Barbiere di Siviglia, de Gioachino Rossini e libreto de Cesare Sterbini. A representación operística terá lugar no Teatro Sala de Concertos Afundación a partir das 19,30 horas.

‘Vigo Emerxe’

A firma deste acordo deixa patente unha vez máis o compromiso da Administración autonómica coa cultura en Vigo en todas as súas facetas. Nesta liña, cómpre destacar o apoio que a Xunta demostrou co festival O Marisquiño, para o cal triplicou a aportación económica alcanzando os 120.000 euros, o ciclo de concertos Solpores do Museo, impulsado polo Goberno autonómico, ou o festival Vigo Emerxe, que se celebrará o 28 de setembro con sete horas de música en directo e 12 grupos e artistas no Museo do Mar de Galicia.

Comparte