Nova: Juan García Escudero gaña o X Premio Atlante do Gravado

14/09/2019

Juan García Escudero gaña o X Premio Atlante do Gravado

Anxo M. Lorenzo participa en Ribeira na entrega do X Premio Atlante do Gravado

O galardón principal, concedido pola Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital, recaeu no artista Juan García Escudero

  • Anxo M. Lorenzo participa en Ribeira na entrega do X Premio Atlante do Gravado Anxo M. Lorenzo participa en Ribeira na entrega do X Premio Atlante do Gravado

Ribeira (A Coruña), 14 de setembro de 2019.- O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na entrega de premio da X edición do Premio Atlante do Gravado, posto en marcha pola Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital.

No décimo aniversario do galardón, o artista Juan García Escudero recolleu o premio Ramiro Carregal, dotado con 5000 euros. Anna Trojanowska, Ana María Bellidio e María Gabriela Guzmán foron galardoadas co premio María del Rosario Martín, de 2500 euros, mentres que Nuria Pena foi merecedora do premio Galicia.

Tras a entrega dos galardóns, Anxo M. Lorenzo visitou a mostra dos traballos dos gañadores así como a que homenaxea os dez anos de existencia deste premio. Ademais, o director xeral visitou a colección do Museo de Artes, que se centra nas artes gráficas, dispoñendo dun percorrido pola historia do gravado desde o século XV ata a actualidade.

O Museo tamén dispón dunha importante biblioteca ilustrada, situada na planta baixa, unha biblioteca única en Galicia polo seu valor bibliográfico e artístico, con máis de 3000 libros, así como pola cantidade de gravados que contén e pola rareza dos seus volumes, que abranguen desde o século XVI ao XXI. Cómpre destacar que a Consellería de Cultura e Turismo sufragou en 2018 a organización e acondicionamento desta biblioteca con 50.000 euros, e este ano asinouse outro convenio para ampliala por importe de 30.000 euros.

Comparte