Nova: Dez anos do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega

22/10/2014

Dez anos do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega

A Consellería de Cultura, o Parlamento de Galicia e mais o Foro Enrique Peinador organizaron un acto conmemorativo

  • Fachada do Parlamento de Galicia Fachada do Parlamento de Galicia
  • O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou esta mañá no acto de conmemoración do X aniversario da aprobación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou esta mañá no acto de conmemoración do X aniversario da aprobación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2014.- A Xunta de Galicia conmemorou esta mañá no Parlamento o décimo aniversario da aprobación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG) e o Día da Galeguidade Empresarial. Fíxoo a través dun acto que organizaron conxuntamente a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o Foro Enrique Peinador e a Cámara Galega. Nel participou o conselleiro Xesús Vázquez Abad.

Tamén interviñeron no acto a presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo; o presidente do Foro Enrique Peinador, Xosé Martínez; o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; o historiador Ricardo Gurriarán; e os empresarios Xosé Turnes (Progando) e Xerardo García Alvela (Itelsis).

A cantante Uxía e os músicos Santiago Cribeiro e Sérgio Tannus foron os encargados de poñerlle música á dupla conmemoración interpretando “A fala” e “Alalás encadeados”, de poemas de Manuel María e Uxío Novoneyra, respectivamente, e de pechalo co himno galego.

Unha política lingüística inspirada no PXNLG
“A política lingüística do Goberno galego está inspirada no Plan, cunha acción de promoción que aspira a darlle ao galego plena presenza na vida comercial, empresarial e xurídica e, por parte, pretende incorporalo aos sectores máis dinámicos e ás tecnoloxías da comunicación e da información, xa que é aí onde se vai xogar a posibilidade de futuro, como noutro tempo se xogou na imprenta”, manifestou o conselleiro durante a súa intervención, na que tamén sinalou que “todo este traballo ten que consistir en lle ofrecer ferramentas e instrumentos a unha sociedade que sente, case por primeira vez na súa historia, que o seu idioma é válido tamén para os usos formais da lingua, pero que non asegura, con carácter necesario, a súa presenza en todos os ámbitos sociais e económicos, que é a nosa finalidade última”.

Lingua e galeguidade empresarial
Vázquez Abad salientou tamén o “nutridísimo número de empresarios de toda Galicia que se destacaron e están a destacar polo seu compromiso coa lingua galega –a gran maioría integrados no Foro Enrique Peinador-, pois entenden que forma parte das responsabilidades sociais das súas empresas e que ademais os axuda a facer crecer os seus negocios”. En palabras do conselleiro, “o compromiso empresarial coa lingua propia de Galicia pasa por entender que estar radicado nun territorio e facer negocios nel implica asumir tamén a súa realidade lingüística e os dereitos lingüísticos dos seus cidadáns”.

Dez anos da aprobación unánime do Plan
O 21 de setembro de 2004, o Pleno da Cámara acordaba, por decisión unánime, aprobar o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, un momento histórico para a lingua galega desde a aprobación da Lei de normalización lingüística en 1983. Dous foron os motivos: o primeiro deles, que todas as forzas políticas, sen excepción, se puxeron de acordo en sede parlamentaria para darlle carta de validez a un texto no que se establecían ben ás claras o fin que se perseguía e a forma na que se ía lograr ese fin; o segundo, que o texto aprobado viña precedido dun proceso de redacción no que se viran involucradas máis de un cento de persoas, procedentes dos máis diversos sectores sociais (da economía, da empresa, da cultura, dos medios de comunicación, do asociacionismo etc.) ás que se lle confiaran as tarefas de pensar o futuro que desexaban para o galego na sociedade de comezos do século XXI.

Comparte