Nova: O Museo do Mar de Galicia acolle o concerto dos vigueses Moon Cresta e Aurora & The Betrayers no ciclo 'Solpores do Museo'

08/08/2019
O Museo do Mar de Galicia acolle o concerto dos vigueses Moon Cresta e Aurora & The Betrayers no ciclo 'Solpores do Museo'
O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a delegada territorial, Corina Porro, asistiron hoxe a este evento impulsado pola Xunta de Galicia
Zenet, Joe Crepúsculo, Soleá Morente, Xosé Manuel Budiño, Bliusvai e Cora Velasco forman parte do cartel deste evento, que conta cunha ducia de artistas
Vigo, 8 de agosto de 2019.- O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a delegada territorial, Corina Porro, asistiron hoxe a unha nova actuación de Solpores do Museo, o ciclo de concertos impulsado pola Xunta de Galicia que arrancou o pasado 24 de xullo. Nesta xornada os vigueses Moon Cresta e Aurora & The Betrayers tomaron a testemuña no ecuador desta programación musical no Museo do Mar de Vigo, un emprazamento emblemático en plena ría de Vigo e polo que discorre o Camiño de Santiago.
Ambos artistas conquistaron no solpor deste xoves ao público asistente no marco dunha iniciativa que naceu coa vontade de poñer en valor o traballo de artistas, tanto emerxentes como consagrados, a través dunha programación transversal con seis citas musicais que se celebrarán de balde durante este verán. Completan o cartel artistas da talla de Zenet, Joe Crepúsculo, Soleá Morente, Xosé Manuel Budiño, Bliusvai e Cora Velasco.
O 15 será a quenda de Soleá Morente e Xosé Manuel Budiño. Xa o xoves terá lugar a actuación de Joe Crepúsculo e a galega Cora Velasco, mentres que o vindeiro 29 de agosto celebraranse as últimas actuacións do ciclo a cargo de Zenet e Bliusvai.
Todos os concertos, para os que as entradas (1.800) esgotáronse en día e medio, están a celebrarse na terraza do restaurante do Museo do Mar de Galicia comezando as actuacións ás 20,30 h.