Nova: 'Solpores do Museo' arranca mañá no Museo do Mar de Galicia tras esgotar en día e medio as 1.800 entradas dos seis concertos

23/07/2019

'Solpores do Museo' arranca mañá no Museo do Mar de Galicia tras esgotar en día e medio as 1.800 entradas dos seis concertos

Baiuca e Presumido serán os encargados de poñerlle sintonía ao solpor deste mércores na primeira das seis citas musicais programadas ata finais de agosto

Zenet, Joe Crepúsculo, Soleá Morente, Xosé Manuel Budiño ou os vigueses Moon Cresta e Amaro Ferreiro forman parte do cartel deste evento cunha ducia de artistas

A delegada de Vigo, Corina Porro, destaca o éxito deste proxecto, que nace coa vontade de poñer en valor o traballo de artistas, tanto emerxentes como consagrados, a través dunha programación transversal

Vigo, 23 de xullo de 2019.- Solpores do Museo, o novo ciclo de concertos que traerá a Vigo unha ducia de artistas nacionais e locais de renome ao Museo do Mar de Galicia, arranca mañá tras esgotar en día e medio as 1.800 entradas dos seis concertos.

O ciclo consta de seis citas musicais que se celebrarán de balde durante este verán, sendo Baiuca e Presumido os encargados de poñerlle sintonía ao solpor deste mércores na primeira das seis citas programadas ata finais de agosto. Completan o cartel artistas de renome a nivel nacional e galego como Zenet, Joe Crepúsculo, Soleá Morente ou Xosé Manuel Budiño, que estarán acompañados de músicos vigueses como Amaro Ferreiro, Moon Cresta ou Bliusvai.

Neste senso, a delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro, non quixo perder a oportunidade de pór en valor o “éxito rotundo” do proxecto que, dixo, “nace coa vontade de poñer en valor o traballo de artistas locais, tanto emerxentes como consagrados, a través dunha programación de concertos transversal”. “Contamos co mellor escenario posible, no que se ofrece a posibilidade de escoitar a mellor música contemplando o solpor da ría de Vigo”, aseverou respecto ao Museo do Mar de Galicia, e tras destacar o potencial da escena musical viguesa.

Tras a apertura de mañá, a segunda xornada celebrarase o xoves 1 de agosto e terá como protagonistas a Amaro Ferreiro e Villanueva.

O 8 de agosto actuarán o grupo vigués Moon Cresta e a banda Aurora & The Betrayers, mentres que o 15 de agosto será a quenda de Soleá Morente e Xosé Manuel Budiño. Xa o xoves 22 de agosto terá lugar a actuación de Joe Crepúsculo e a galega Cora Velasco, mentres que o vindeiro 29 de agosto celebraranse as últimas actuacións do ciclo a cargo de Zenet e Bliusvai.

Todos os concertos terán lugar na terraza do restaurante do Museo do Mar de Galicia, un emprazamento emblemático en plena ría de Vigo e polo que discorre o Camiño de Santiago. As actuacións comezarán ás 20,30 h.

En outono, ‘Vigo Emerxe’

Por outra banda, o Goberno galego, tal e como avanzou a pasada semana o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, presentará o vindeiro outono Vigo Emerxe, un encontro musical protagonizado por grupos locais emerxentes que rememorará os tempos da movida viguesa. Unha proposta que, ao igual que os Solpores do Museo demostra o compromiso da Xunta coa cidade olívica e coa mellora da súa oferta cultural e turística.

Comparte