Nova: Homenaxe a Antón Tovar na XI Festa da Palabra

20/07/2019
Homenaxe a Antón Tovar na XI Festa da Palabra
Román Rodríguez destaca a figura e obra de Antón Tovar na homenaxe ao autor na XI Festa da Palabra
O conselleiro de Cultura e Turismo participou na Insua dos Poetas nesta celebración, xa consolidada na axenda cultural do verán en Galicia
O Carballiño (Ourense), 20 de xullo de 2019.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, participou hoxe na homenaxe que a XI Festa da Palabra lle rendeu a Antón Tovar na Insua dos Poetas, na localidade ourensá do Carballiño. Durante a cita, xa consolidada na axenda cultura do verán en Galicia, tamén se celebrou a entrega de premios Insua dos Poetas.
Román Rodríguez salientou o destacado labor de Tovar na defensa do galego e o fomento do libro e a lectura en Galicia, e fixo referencia a diversas obras do autor como Arredores, Calados esconxuros ou Cadáver adiado, onde Tovar concentra o existencialismo presente ao longo de toda a súa produción.
Por outra banda, o conselleiro congratulouse do feito de que a Festa da Palabra se celebre na Insua dos Poetas, un lugar extraordinario no que a literatura dialoga coas artes plásticas e coa natureza. Neste sentido, Román Rodríguez felicitou á Fundación polo seu bo facer e contribución ao enriquecemento da nosa lingua e cultura, cualificando a Ínsua dos poetas como un territorio cultural de primeira magnitude.
No decorrer do acto entregáronse os premios Insua dos Poetas, que este ano recaeron na xornalista e escritora María Solar, na catedrática María Victoria Carballo-Calero, en Radio Carballiño, no Centro Galicia de Bos Aires, na Asociación de Veciños da parroquia de Madarnás, no grupo empresarial Cer&Ber e na asociación fotográfica Os Potiños.
Entre outras autoridades, no acto participaron o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega; o conselleiro de Medio Rural, José González; o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e o presidente da Fundación, Luis González Tosar.
Desde 2009 a Festa da Palabra homenaxeou a figura de Ramón Piñeiro (2009), Arturo Baltar (2010), Xosé María Díaz Castro (2011), Celso Emilio Ferreiro (2012), os poetas do Rexurdimento (2013), Eduardo Blanco Amor (2014), Francisco Luis Bernárdez (2015), Pura e Dora Vázquez (2016), Carlos Casares (2017) e Víctor Campio Pereira (2018).