Nova: A Xunta asina o contrato de patrocinio do festival O Marisquiño que neste 2019 acada os 121.000 euros, triplicando a aposta realizada en 2018

16/07/2019
A Xunta asina o contrato de patrocinio do festival O Marisquiño que neste 2019 acada os 121.000 euros, triplicando a aposta realizada en 2018
Lete Lasa destaca como a Xunta estivo desde o “primeiro minuto” apoiando este evento deportivo porque non se entende “Marisquiño sen Vigo nin Vigo sen Marisquiño”
Nava Castro salienta que o festival se consolida como escaparate de Galicia en Europa e no resto de España e que nos seus case 20 anos conseguiu medrar dos 200 participantes aos máis de 160.000 que a organización prevé para esta edición
Vigo, 16 de xullo de 2019.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro e pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, asinou esta mañá co director do Marsiquiño, Joako Ezpeleta, o contrato de patrocinio do “mellor festival de cultura urbana e deportes extremos do sur de Europa” que este ano acadará os 121.000 euros de axuda directa, triplicando a aposta realizada en 2018.
O secretario xeral destacou como a Xunta de Galicia estivo desde o “primeiro minuto” apoiando este evento deportivo porque non se entende “Marisquiño sen Vigo nin Vigo sen Marisquiño”. E lembrou que ademais do financiamento directo, realizáronse as xestións oportunas para que o Marisquiño se puidera beneficiar do programa de patrocinios do Xacobeo 2021. Unha posibilidade que volverá a ofrecerse o ano que vén segundo informou o mandatario galego.
No escenario deportivo e turístico, Lete Lasa salientou a importancia dun festival que, neste ano 2019, pretende superar os 160.000 asistentes e que contará con tres copas do Mundo: skateboarding, Dirt Jump e basket 3x3 e que terá un ollo posto en Toquío 2020 xa que catro das probas son ou serán olímpicas nas vindeiras datas, ademais do skate e do basket 3x3 que se estrearán en Xapón, o BMX xa é deporte olímpico e o break dance será deporte invitado en París 2024.
Pola súa banda, a directora de Turismo, Nava Castro, salientou o reforzo do compromiso do Goberno galego con Vigo a través dun evento como o Marisquiño, que se consolida como escaparate de Galicia en Europa e no resto de España e que nos seus case 20 anos conseguiu medrar dos 200 participantes aos máis de 160.000 que a organización prevé para esta edición. "O apoio da Xunta contribúe a que o Marisquiño se reforce como unha excelente oportunidade para o turismo de Vigo e do resto de Galicia", dixo.
No seu primeiro acto público como delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro volveu a incidir na importancia da colaboración e da coordinación entre administracións para acadar a mellora de Vigo e de toda Galicia en xeral.
O Marisquiño está considerado o festival de cultura urbana e deportes de acción gratuíto máis importante do sur de Europa. É membro da exclusiva elite de eventos World Cup. Trátase dunha cita que reúne durante tres días máis de dez competicións deportivas, así como diferentes eventos culturais como break dance, exhibicións de graffiti, música en directo, etc.
A súa dimensión fai que funcione como un importante escaparate da nosa Comunidade en Europa para a promoción dun turismo cultural e de festivais, xa que o 30% dos asistentes proveñen de fóra de Galicia. Ademais, cómpre destacar que tamén acoden a esta cita campións do mundo en distintas disciplinas que axudan a ofertar en Vigo unha proposta de calidade durante a tempada estival. O festival dará comezo o xoves 8 ata o domingo 11 de agosto.