Nova: Apoio á Fundación Rosalía de Castro para difundir, estudar e preservar a obra da escritora galega

17/07/2019

Apoio á Fundación Rosalía de Castro para difundir, estudar e preservar a obra da escritora galega

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o presidente da Fundación, Anxo Angueira, asinaron hoxe dous convenios de colaboración cos que tamén se acondicionará o pavimento dos xardíns exteriores

Padrón (A Coruña), 17 de xullo de 2019.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, asinaron hoxe dous convenios de colaboración por un importe total de 65.000 euros destinados ao acondicionamento dos pavimentos dos xardíns exteriores aos edificios da Fundación e a Casa-Museo e para difundir, estudar e preservar a obra da escritora galega.

Coa sinatura deste acordo, na que estiveron presentes o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, ambas partes colaboran na realización dun programa de actuacións orientadas a coñecer con rigor intelectual a súa figura e continuar cos labores de recompilación da súa obra para completar a biblioteca e o arquivo rosaliano de xeito que poda ser consultada polos investigadores.

Deste xeito, a Fundación impulsa diversas actuacións que comprenden a celebración do Día do Libro con alumnado de centros da contorna e o Maio Rosaliano, coa entrega dos premios Pedrón de Ouro e Pedrón de Honra. Ademais, conmemórase o aniversario do seu pasamento, organízanse recitais ao longo do ano na Casa-Museo e amplíanse os fondos bibliográficos da Biblioteca Rosaliana e os fondos documentais do Centro de Estudos Rosalianos.

Así mesmo, o acordo permite acondicionar os pavimentos dos xardíns e da Casa-Museo co fin de preservalos e que as actividades e visitas poidan desenvolverse nas mellores condicións.

Comparte