Nova: O 'Atardecer no Gaiás' desta semana arranca mañá con Labaq, que trae a electrónica máis anovadora da música brasileira

10/07/2019
O 'Atardecer no Gaiás' desta semana arranca mañá con Labaq, que trae a electrónica máis anovadora da música brasileira
O ciclo de concertos ao solpor completarase o venres coas melodías balcánicas de Europejska Orkiestra e o sábado co reggae do galego Soulmacklein
‘Atardecer no Gaiás’ está organizado pola Xunta de Galicia e conta co patrocinio de Cervezas Alhambra e coa colaboración do INAEM
Santiago de Compostela, 10 de xullo 2019.- Atardecer no Gaiás, o ciclo de concertos do verán da Xunta de Galicia na Cidade da Cultura, retoma mañá xoves as súas actuacións de balde ao solpor con Labaq. A artista brasileira traerá á Praza Central os sons máis anovadores da música do seu país. Trátase dun dos nomes máis recorrentes na escena musical electrónica actual e con máis presenza entre os circuítos da música alternativa/pop & indie.
Esta cantante, compositora, guitarrista e produtora despregará no escenario Cervezas Alhambra —patrocinadora deste ciclo— a forza e a sensibilidade que proxecta tanto na súa voz, como na súa guitarra eléctrica. A partir das 21 horas, o sol agocharase na praza exterior da Cidade da Cultura acompañado dos sons desta integrante da nova xeración de artistas do Brasil, quen con só 12 anos xa tocaba a guitarra acústica e eléctrica, a trompeta e, máis tarde, a percusión.
Esta faciana musical complétase coa súa condición de empresaria e co-creadora dun festival de música, o Sonora, con edicións en 65 cidades de quince países e dedicado ás mulleres artistas. Precisamente, Atardecer no Gaiás volve a significarse nesta edición de 2019 pola súa aposta por voces femininas, como a da mesma Labaq.
O ciclo, que conta tamén coa colaboración do Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música (INAEM), continúa o venres, día 12, coa ampla formación galega Europejska Orkiestra ateigando a Praza Central dos vellos sons dos países dos Balcáns.
Esta formación de violín, clarinete, guitarras, saxo tenor, contrabaixo e percusión proporá unha viaxe a través de 10 composicións, que supoñen un percorrido musical por Bulgaria, Romanía, Eslovaquia, Moldavia, Ucraína, Polonia, Alemaña, Francia, España e Galicia, tendo sempre como punto de partida as raíces folclóricas de cada un destes territorios.
Reggae para musicar o solpor
Para o peche de Atardecer no Gaiás desta semana contarase con outro artista galego, Soulmacklein, cantante da exitosa banda de hip hop Delahoja. Neste caso, a proposta do solpor musicado do sábado, día 13, dá un xiro de 180 graos cun repertorio de reggae con letras veraniegas que convidan á praia e ao baile ao aire libre.
Estes tres concertos forman parte das 20 actuacións que compoñen o ciclo Atardecer no Gaiás, que se celebrará na Praza Central da Cidade da Cultura ata o 17 de agosto, nunha edición que lles dá visibilidade aos ritmos que triunfan na actualidade entre a xente máis nova, como é o caso da electrónica e do reggae deste xoves e sábado. Toda a información de grupos e artistas en https://www.cidadedacultura.gal/ e en http://atardecernogaias.gal/.