Nova: A rapazada de Galicia poderá vivir 'Unha noite no Bosque' durante o mes de xullo

07/07/2019

A rapazada de Galicia poderá vivir 'Unha noite no Bosque' durante o mes de xullo

A Xunta organiza en xullo acampadas no Bosque de Galicia para achegarlle á rapazada a natureza do Monte Gaiás

A actividade ‘Unha noite no Bosque’, destinada a rapaces de entre 10 e 13 anos, celébrase todos os venres do mes de xullo

Os participantes poderán descubrir a fauna e a flora dos espazos naturais do monte Gaiás e vivir unha noite de aventura e convivencia á luz das estrelas

A acampada está patrocinada por Viaqua e conta coa colaboración da Fundación USC Deportiva

 

  • Unha noite no Bosque. Foto de Manuel G. Vicente Unha noite no Bosque. Foto de Manuel G. Vicente

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2019.- A Xunta de Galicia convida a rapazada de entre 10 e 13 anos a participar ao longo deste mes de xullo na súa actividade de verán Unha noite no Bosque, unha acampada nocturna con monitores no Bosque de Galicia, que se desenvolve os venres no monte Gaiás. O obxecto desta proposta do programa Verán no Gaiás é achegarlles ás xeracións máis novas a natureza da súa contorna máis próxima, á vez que transmitir e fomentar os valores de coidado e de respecto polo medio ambiente.

A rapazada participante nas acampadas poderá descubrir e coñecer mellor a fauna e a flora dos espazos naturais do monte Gaiás, así como gozar dunha xornada de convivencia, obradoiros e xogos á luz das estrelas. Unha noite no Bosque está organizada pola Fundación Cidade da Cultura e conta co patrocinio de Viaqua.

As actividades de Unha noite no Bosque comezan ás 19 horas cunha visita guiada polos espazos arquitectónicos do Gaiás, na que os rapaces terán a oportunidade de descubrir todos os recunchos do complexo deseñado por Peter Eisenman, así como achegarse dun xeito diferente ao traballo do prestixioso arquitecto norteamericano.

A continuación, acompañados de monitores, montarán o campamento no Bosque de Galicia e, despois dunha cea todos xuntos, participarán nunha ruta polo propio bosque e o Parque do Lago, titulada Os sons da noite. Nesta actividade, descubrirán a fauna e a flora deste espazo natural e aprenderán a recoñecer os sons característicos dos habitantes do monte Gaiás ao lusco fusco. A noite rematará ao máis puro estilo dos campamentos de verán, contando lendas e historias á luz das estrelas.

Xa o sábado pola mañá, e tralo almorzo e recollida do campamento, os participantes de Unha noite no Bosque asistirán a un obradoiro de nós básicos e a outro destinado a repasar mediante fichas e cantos a fauna nocturna descuberta o día anterior.

Entradas xa á venda

A rapazada que desexe participar nesta actividade deberá traer saco de durmir, esteira, utensilios de aseo e roupa cómoda e de abrigo, mentres que a cea e o almorzo serán proporcionados pola organización. En caso de moi mal tempo, a actividade trasladarase a un espazo interior da Cidade da Cultura de Galicia. A través da páxina web www.cidadedacultura.gal pode consultarse toda a información, así como acceder á venda das entradas así como a promocións e descontos.

Actividades familiares

Unha noite no Bosque é unha das actividades para a cativada da programación deste ano de Verán no Gaiás. Así, ademais destas acampadas, ofrece unha ampla e variada oferta pensada para fomentar a creatividade dos rapaces con propostas que conxugan lecer e cultura. Deste xeito, este ano póñense en marcha no Museo Centro Gaiás, do 8 ao 19 de xullo, dous novidosos campamentos urbanos para a cativada, vencellados ás exposicións actuais: Valor e mestría. Galicia como fútbol e Pensar coas mans. Cestería, cerámica e xoiería de Galicia.

Camiño ao Gaiás e as visitas Astronómicas completan esa oferta pensada para toda a familia en contacto co natureza, tanto para a descuberta ás tardiñas do xoves do verán de novas rutas para subir á Cidade da Cultura desde o casco histórico compostelán; como para deixarse marabillar polos segredos das estrelas e planetas do ceo nocturno de estío. Ambas actividades son de balde, con inscrición xa aberta a través de www.cidadedacultura.gal.

Os imprescindibles da programación familiar do Verán no Gaiás complétanse con Cidade Imaxinaria, festival pensado para toda a familia moi vencellado a espectáculos circenses, que neste 2019 terá lugar a tarde do sábado 24 de agosto.

 

Comparte