Nova: O comité internacional de expertos do Camiño de Santiago incorpora á investigadora estadounidense Alison Stones

30/06/2019
O comité internacional de expertos do Camiño de Santiago incorpora á investigadora estadounidense Alison Stones
O órgano asesor da Xunta reforza así a súa conexión cos investigadores do ámbito xacobeo nos EEUU, país no que medra ano a ano o interese pola ruta
É profesora emérita da Universidade de Pittsburgh, doutora pola Universidade de Londres e unha das especialistas máis acreditadas no ‘Códice Calixtino’
O Comité avanza así nos seus obxectivos por reforzar e intensificar o seu papel no estranxeiro promovendo o debate científico e académico de cara ao Xacobeo 21
Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2019.- O Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago vén de incorporar á investigadora estadounidense Alison Stones como novo membro. Con este nomeamento, o órgano asesor da Xunta de Galicia reforza a súa conexión cos investigadores do ámbito xacobeo dos EEUU, país no que medra ano a ano o interese pola ruta a Santiago de Compostela.
Á hora de valorar a súa designación, os membros do Comité tiveron en conta a súa acreditada traxectoria académica e investigadora así como a súa importancia para continuar ampliando o ámbito de traballo deste organismo no mundo.
Alison Stones é profesora emérita de Historia da Arte e a Arquitectura na Universidade de Pittsburgh (Estados Unidos), onde ensinou desde 1984 ata 2012. Doutora pola Universidade de Londres (Courtauld Institute of Art and Birkbeck College), está especializada na investigación sobre a iluminación de manuscritos medievais, cun interese particular na ilustración de textos vernáculos en francés. É, ademais, unha das especialistas máis acreditadas no Códice Calixtino, sobre o que ten realizado diversos traballos e investigacións, entre os que destaca a edición e comentario en inglés do Libro V. É tamén membro da Society of Antiquaries of London, correspondente da Sociedade Nacional de Antigüidades de Francia e Chevalier de l'Ordre des Arts et des Lettres.
O Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago é o órgano asesor da Xunta de Galicia no eido xacobeo desde a década dos anos 90. Ao abeiro do Plan Director do Camiño de Santiago ten recuperado os Congresos Internacionais de Estudos Xacobeos e destaca, ademais, pola promoción que os seus membros desenvolven nos seus respectivos países, difundindo as publicacións científicas da Xunta, dirixindo revistas, teses e investigacións sobre o fenómeno xacobeo no seu territorio. Tamén realizan un intenso traballo no movemento asociativo vinculado ao Camiño de Santiago.
Recoñecidos estudosos internacionais
Composto por recoñecidos estudosos de distintos países, coa incorporación da profesora Alison Stones, o Comité reforza o seu equipo, tras o falecemento de dous dos seus membros, os profesores Robert Plötz e Simon Barton. Na actualidade, está presidido por Paolo Caucci Von Saucken, profesor da Universitá degli Studi di Perugia e os seus membros son Manuel Castiñeiras González, catedrático da Universidade Autónoma de Barcelona; Klaus Herbers, profesor da Friedrich-Alexander-Universitat Erlangen Nürberg; Fernando López Alsina, catedrático de Historia Medieval da Universidade de Santiago de Compostela; Adeline Rucquoi, directora emérita de Investigación no Centro Nacional de Investigacións Científicas de Francia; Segundo Pérez López, deán da Catedral de Santiago e profesor do Centro Agregado Teolóxico de Santiago de Compostela, e María José Azevedo Santos, catedrática da Facultade de Letras de Coímbra.