Nova: ‘Serán’02’ propón unha viaxe aos anos das Irmandades da Fala a través dun gran baile de época no Gaiás

29/06/2019

‘Serán’02’ propón unha viaxe aos anos das Irmandades da Fala a través dun gran baile de época no Gaiás

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, participou no evento promovido pola Xunta de Galicia para apoiar a cultura galega

  • O Gaiás acollerá 500 intérpretes de bandas de música nunha edición do 'Serán' dirixida a pór en valor estas formacións

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2019.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, asistiu ao baile das Irmandades da Fala ambientado a comezos do século XX e que representa un dos pratos fortes do Serán’02, o II Encontro Galego de Cultura Popular promovido pola Xunta de Galicia para apoiar a cultura galega de base e dedicado nesta edición ás bandas de música.

Neste Baile das Irmandades da Fala mesturouse o son icónico dalgunhas das bandas de música máis senlleiras de Galicia –como son as de Lalín, Santa Cruz de Rivadulla, a Unión Musical de Valladares e a Lira de Ribadavia–, coa nosa música tradicional da man das charangas de Xacarandaina, O Fiadeiro e Cantigas e Agarimos.

A danza estivo moi presente en toda a xornada do sábado do Serán’02, xa que ao longo de todo o día impartíronse obradoiros de baile agarrado, de balde e destinados a todo tipo de público. Nestes cursos intensivos, os asistentes aprenderon a técnica básica da polca, o valse, a mazurca, o pasodobre ou o chotis con grandes profesionais da danza como Suso Cancelas ou Xisco Feijoo. Precisamente, os participantes puideron poñer en práctica o aprendido neste baile Irmandades da Fala.

Serán’02 porá o broche final na xornada de mañá cun amplo abano de actividades e espectáculos gratuítos. O programa está dispoñible na web www.cidadedacultura.gal.

Comparte