Nova: As industrias culturais galegas amosan gran vitalidade ao duplicar as funcións programadas no último lustro

26/06/2019

As industrias culturais galegas amosan gran vitalidade ao duplicar as funcións programadas no último lustro

O conselleiro de Cultura e Turismo salientou que o Centro Dramático Galego mantén o seu “carácter referencial” no eido das artes escénicas

  • Román Rodríguez destaca a "vitalidade" das industrias culturais galegas ao duplicar as funcións programadas no último lustro Román Rodríguez destaca a "vitalidade" das industrias culturais galegas ao duplicar as funcións programadas no último lustro

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2019.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, destacou a “vitalidade” das industrias culturais galegas ao duplicar o número de funcións programadas nos últimos cinco anos, pasando das 718 en 2013 ata as 1326 en 2018. Nunha intervención no Parlamento, o titular da Xunta fixo fincapé no papel do Centro Dramático Galego como “referente” no sector das artes escénicas máis de tres décadas despois da súa creación.

Neste sentido, o Conselleiro de Cultura e Turismo subliñou o crecente interese da sociedade polos espectáculos programados na nosa Comunidade. Lembrou que segundo os datos do Consello da Cultura Galega, os indicadores de consumo privado da cultura e de asistencia a espectáculos amosan un “moi bo comportamento” nos últimos anos. Tamén salientou o aumento no número de espectadores, superando os 200.000 no conxunto das redes culturais da Agadic, unha cifra superior á do ano 2009, cando se situaba nos 140.000.

Román Rodríguez lembrou que o orzamento nas redes de artes escénicas e musicais “non deixou de crecer no último lustro, superando o investimento dos anos anteriores á crise”, un aspecto que demostra o “absoluto compromiso” da Xunta coa escena dramática galega.

Comparte