Nova: O ‘Festival Internacional Peregrinos Musicais’ bota a andar na capital galega a súa novena edición

24/06/2019

O ‘Festival Internacional Peregrinos Musicais’ bota a andar na capital galega a súa novena edición

Desde o 28 de xuño ao 3 de xullo esta cita musical reunirá un total de 21 intérpretes nun programa de sete concertos no Principal, en San Martiño Pinario, no Hostal dos Reis Católicos e no Auditorio de Galicia

A iniciativa, promovida pola Asociación Peregrinos Musicais co apoio da Xunta, incorpora este ano un total de catro clases maxistrais para frauta, violín, piano e cello

 

  • Festival Internacional Peregrinos Musicais Festival Internacional Peregrinos Musicais

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2017.- O Festival Internacional Peregrinos Musicais reúne na capital de Galicia, desde mañá e ata o próximo 3 de xullo, un total de 21 intérpretes, o que supón un récord de participación.

A novena edición desta iniciativa, promovida pola Asociación Peregrinos Musicais en colaboración coa Consellería de Cultura e Educación, a través da Dirección Xeral de Políticas Culturais, e co apoio da Deputación da Coruña e da Concellería de Cultura do consistorio compostelán, arranca cunha programación de sete concertos no Teatro Principal, no Hostal dos Reis Católicos e, como novidade, en San Martiño Pinario. Ademais, o programa inclúe unha xira, que se celebrará nos auditorios de Sanxenxo e Nigrán, así como un rico apartado formativo que inclúe catro clases maxistrais de frauta, violín, piano e cello.

Na presentación en rolda de prensa da programación, que tivo lugar esta mañá na capital galega, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destacou o gran nivel das novas promesas da música que participan nesta iniciativa, ao tempo que fixo fincapé no importante papel que o festival xoga ao favorecer o diálogo artístico entre mozas e mozos de diferentes procedencias, así como por ofrecerlles aos músicos galegos escenarios de referencia onde promocionarse.

En concreto, dos 21 intérpretes, 15 son os músicos seleccionados para esta novena edición do Festival, dos cales nove proceden de diversos lugares de Galicia, catro proveñen de Rusia, un de Holanda e un de Canadá. Todos os seleccionados teñen un alto nivel de excelencia profesional e foron escollidos polas súas habilidades técnicas e interpretativas mediante unhas esixentes probas que tiveron lugar o pasado mes de maio.

 

Comparte