Nova: Román Rodríguez destaca o traballo “centrado no país” do instituto de estudos galegos Padre Sarmiento

24/06/2019
Román Rodríguez destaca o traballo “centrado no país” do instituto de estudos galegos Padre Sarmiento
Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2019.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, a canda Antonio de Ron, delegado institucional do CSIC en Galicia, e Eduardo Pardo de Guevara, director do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, interveu esta mañá na inauguración da mostra temporal Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento. 75 anos ao servizo de Galicia (1944-2019), destacando o traballo “centrado no país” desta institución de carácter mixto e titularidade compartida do CSIC e a Xunta de Galicia.
Na súa intervención, o titular de Cultura destacou a o compromiso do Padre Sarmiento “no desenvolvemento de Galicia desde o coñecemento de Galicia”. Nesta liña, explicou que na mostra se expón a historia “dun centro de investigación senlleiro, que foi durante toda a súa historia, e é na actualidade, un referente indiscutido e indiscutible no estudo das humanidades, dentro e fóra da nosa Comunidade”, e concluíu subliñando que “a súa óptica sempre foi galega e a súa referencia sempre foi Galicia”, polo que agradeceu o compromiso e labor de todas as persoas que durante este tempo pasaron polo Instituto.
A mostra, composta por preto de trinta paneis que describen o devir, legado e estrutura da institución, poderá visitarse no Hostal dos Reis Católicos até o vindeiro 15 xullo e segundo un dos comisarios da mesma, Eduardo Pardo de Guevara, conxuga de forma didáctica “o necesario percorrido histórico coa información que permite reflectir o que foi e ten significado este Instituto para a ciencia e a cultura galegas ao longo da segunda metade do século pasado”.