Nova: A Xunta de Galicia e a USC subscriben un novo convenio para continuar actuando no xacemento de Cova Eirós

10/06/2019

A Xunta de Galicia e a USC subscriben un novo convenio para continuar actuando no xacemento de Cova Eirós

O titular de Cultura e Turismo lembrou que desde 2015 o Goberno galego leva investidos un total de 140.000 euros e subliñou o potencial que, campaña tras campaña, amosa este conxunto, declarado desde marzo Ben de Interese Cultural

Así mesmo, Román Rodríguez apuntou que, en colaboración co Concello de Triacastela, se vai levar adiante un centro de interpretación de Cova Eirós

No acto déronse a coñecer os avances materiais e científicos da anterior campaña, que esclarecen o proceso de neolitización da Fachada Atlántica e de Galicia

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2019.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, explicou que a Xunta de Galicia continuará apoiando o traballo investigador no xacemento lucense de Cova Eirós, ao que cualificou como “un dos de maior potencial na nosa Comunidade” polos seus valores históricos, artísticos, arqueolóxicos e paleontolóxicos, e no que a Xunta leva investidos desde 2015 un total de 140.000 euros.

Fíxoo nun acto celebrado esta mañá no Gaiás, no que o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, e o propio conselleiro subscribiron un novo convenio polo que a Xunta achega 30.000 euros para actuar na cavidade. Logo da sinatura, os investigadores Ramón Fábregas e Arturo de Lombera deron a coñecer os achados e avances científicos da anterior campaña, dirixida polo Grupo de Estudos para a Prehistoria do NW Ibérico–Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEPN-AAT) da USC e o Institut Català de Paleoecologia Humana i Evolució Social (IPHES).

O titular de Cultura sinalou que este convenio “asegura a continuación dos labores de escavación, investigación, documentación arqueolóxica e difusión deste xacemento”. Así mesmo, Román Rodríguez lembrou que, grazas ao impulso da Xunta de Galicia, Cova Eirós é desde o pasado mes de marzo Ben de Interese Cultural, “o máximo nivel de protección e recoñecemento patrimonial co que contamos en España”.

O conselleiro concluíu a súa intervención explicando que, en coordinación co Concello de Triacastela, se vai pór en marcha un centro de interpretación onde “os diferentes achados” e avances sobre a cova poidan ser amosados e explicados. “A función ‒explicou o conselleiro‒ é divulgar e dar a coñecer a riqueza do noso pasado.” Neste sentido, recordou a recente cesión por parte do Xacobeo ao Concello dun espazo, para que este poida comezar a traballar neste proxecto.

Achados de cerámica cardial

O achado dun vaso cerámico parcialmente conservado durante a última campaña de escavacións permitiu ao equipo que traballa no proxecto, encabezado polo profesor Fábregas, aportar datos novidosos sobre o proceso de neolitización tanto da Fachada Atlántica como, en particular, de Galicia. Feito que queda testemuñado nun estudo dado ao prelo recentemente polo equipo investigador de Cova Eirós nunha publicación de referencia como é Trabajos de Prehistoria.

Tanto pola súa forma de botella como pola súa profusa decoración, realizada coa impresión dunha cuncha de berberecho, o recipiente recorda claramente á cerámica cardial, característica do rexistro arqueolóxico entre os primeiros grupos neolíticos do sur da península ibérica.

A tipoloxía cardial está vinculada cos primeiros grupos do Neolítico Antigo, que penetran ao longo do litoral mediterráneo, traendo consigo a introdución das prácticas agrícolas e gandeiras. Os paralelos máis próximos atópanse na conca do río Mondego (Coimbra), no centro de Portugal, a máis de 300 km.

A partir doutros exemplos identificados e datados no litoral portugués, como Galería da Cisterna, Santarém ou Casével, o achado de Cova Eirós podería sinalar que o inicio das prácticas neolíticas no Noroeste peninsular se remontan, probablemente, ao final do VI milenio a. C., unha etapa aínda escasamente representada na Prehistoria galega.

Coñecer a Prehistoria galega

As actuacións que se levan desenvolvendo desde o ano 2008, tanto na entrada da cova, con abundantes materiais e unha estratigrafía complexa, onde se encontraron restos de ocupacións paleolíticas que van desde o paleolítico medio até os momentos finais do superior, como nas paredes do interior da cova, onde se localizaron evidencias de arte rupestre do paleolítico superior, teñen permitido descubrir pinturas e gravados dun valor único e excepcional en Galicia.

Os últimos anos de traballos non só lograron perfilar mellor a secuencia de ocupación de Cova Eirós, senón tamén profundar nos estudos sobre o xacemento e a Prehistoria galega. Un labor continuado cuxos resultados están a darse a coñecer e a publicarse en congresos e revistas científicas de gran prestixio, tanto nacionais como internacionais.

Comparte