Nova: Licítase o Plan Ribeira Sacra para coordinar os investimentos e as actuacións neste territorio

29/05/2019

Licítase o Plan Ribeira Sacra para coordinar os investimentos e as actuacións neste territorio

Este Plan supón un alicerce para a presentación da candidatura da paisaxe cultural da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da UNESCO

Román Rodríguez afondou no Parlamento autonómico no procedemento administrativo que levou á declaración como Ben de Interese Cultural da paisaxe cultural da Ribeira Sacra, un fito clave para o éxito desta candidatura

Así mesmo, explicou os sucesivos pasos que a Consellería de Cultura e Turismo vén dando para lograr a definitiva inscrición desta paisaxe cultural galega na Lista Indicativa da UNESCO o vindeiro 2021

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2019.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, anunciou esta tarde no Parlamento de Galicia a próxima licitación do Plan de Xestión da Ribeira Sacra, como paso previo positivo e necesario para a candidatura desta paisaxe cultural á inscrición na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO, subliñando a colaboración de todas as institucións e a necesidade dunha “correcta e eficiente planificación”.

O Plan Ribeira Sacra, explicou Román Rodríguez, supón “unha verdadeira oportunidade para a protección, a mellora continua e a promoción” deste territorio e será “a mostra do noso compromiso na conservación e difusión desta paisaxe cultural”, servindo para “coordinar os investimentos e as actuacións desenvoltas polos diferentes axentes do territorio”. No marco do mesmo está previsto desenvolver medidas concretas orientadas a conservar o valor universal excepcional desta contorna e promoverase a difusión dos seus valores dentro e fóra da zona, para que en 2021 poidamos celebrar a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial da Humanidade.

A declaración BIC

Por outra banda, o conselleiro lembrou os sucesivos pasos dados desde o Goberno autonómico para a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) da paisaxe cultural da Ribeira Sacra no prazo máis curto posible e co máximo rigor; afirmando que, se ben con esta se acredita o seu valor sobranceiro e se garante o máximo nivel de protección patrimonial que pode acadar un ben cultural, non se acada “a meta final”, senón que se dá “un paso máis no longo camiño do coidado e protección da Ribeira Sacra, e a súa declaración Patrimonio Mundial da Humanidade.”

Román Rodríguez apuntou o investimento de máis de 1,8 millóns de euros durante 2018, dirixidos á restauración e conservación do patrimonio cultural, a actividades de promoción turística da Ribeira Sacra e o coidado e sinalización do Camiño de Inverno. Un esforzo inversor que continúa ao longo de 2019, no que xa foron executados ou se executaran 1,7 millóns de euros, licitándose actuacións de conservación por valor de máis de 700.000.

Amplo consenso e recoñecemento

O conselleiro lembrou as especificidades desta declaración, que resultou novidosa e incomparable con calquera outra que se tivese realizado con antelación tanto en Galicia como no resto do Estado e subliñou a busca do máximo consenso posible durante o proceso. “Mantivéronse reunións con todos os actores do territorio”, lembrou Rodríguez.

No proceso, tanto a Real Academia de Belas Artes como o Consello da Cultura Galega emitiron informes favorables á declaración de Ben de Interese Cultural da Ribeira Sacra. Así mesmo, das 29 alegacións recibidas durante o prazo de exposición pública, que se estendeu a catro meses e dez días para facilitar a participación, foron estimadas, total ou parcialmente, 23 delas, o que supón un 80% de aceptación.

Novidoso e incomparable

A paisaxe cultural da Ribeira Sacra abrangue parte do territorio dun total de 22 concellos das provincias de Lugo e Ourense (Carballedo, Castro Caldelas, Chantada, Esgos, Montederramo, Nogueira de Ramuín, Pantón, Parada de Sil, Paradela, Monforte de Lemos, A Peroxa, A Pobra do Brollón, A Pobra de Trives, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, San Xoán de Río, O Saviñao, Sober, Taboada, A Teixeira e Xunqueira de Espadanedo) en dúas zonas diferenciadas: a do BIC e a de Amortecemento, e inclúe ademais unha serie de bens individuais.

Os bens que se relacionan coa paisaxe e se inclúen na declaración distribúense en tres categorías. En primeiro lugar, están aqueles que gozan xa da máxima protección, que son un total de 70 Bens de Interese Cultural. En segundo lugar, hai un total de 512 bens inmobles catalogados no ámbito da paisaxe cultural da Ribeira Sacra. Isto é, dentro da Zona BIC e de Amortecemento do ben que se declara polo presente decreto. E, en terceiro lugar, inclúense un total 634 bens inmobles de carácter sacro catalogados no conxunto do territorio da Ribeira Sacra.

Comparte