Nova: O IES de Foz gaña o I Certame Escolar Internacional de Podcasts en Galego Xosé Mosquera

28/05/2019

O IES de Foz gaña o I Certame Escolar Internacional de Podcasts en Galego Xosé Mosquera

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, fíxolle entrega do premio nun acto celebrado este serán no Museo do Pobo Galego

As gravacións presentadas ao certame, convocado pola Consellería de Cultura e Turismo e o IES Rosalía de Castro en colaboración con Arraianos Producións, debían versar sobre a vida ou a obra de Antonio Fraguas

  • O IES de Foz gaña o I Certame Escolar Internacional de Podcasts en Galego Xosé Mosquera

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2019.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, entregoulle este serán o premio do I Certame Escolar Internacional de Podcasts en Galego Xosé Mosquera a alumnado do IES de Foz polo seu traballo Antón Fraguas en directo. No mesmo acto, foi distinguido cun accésit o IES Pedras Rubias de Salceda de Caselas e cunha mención especial o CEIP Nicolás del Río de Cedeira.

Valentín García felicitou os premiados e considerou que “o gran profesor que foi Antonio Fraguas valoraría con entusiasmo a creatividade que expresades nun galego de calidade nestes traballos con que contribuídes a honralo o ano en que se lle dedica o Día das Letras Galegas”.

Xunto co secretario xeral de Política Lingüística participaron na entrega dos premios Justo Beramendi, presidente da Fundación Antonio Fraguas Fraguas; Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega (RAG); Xavier Mouriño, director do IES Rosalía de Castro de Santiago, e Aser Álvarez, director de Arraianos Producións.

Alta participación e calidade

Un total de 40 gravacións con relatos radiofónicos centrados no autor a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas, Antonio Fraguas, optaron ao I Certame Escolar de Podcasts Xosé Mosquera, organizado pola Consellería de Cultura e Turismo e o IES Rosalía de Castro en colaboración con Arraianos Producións e apoiado polas fundacións Antonio Fraguas Fraguas e Rosalía de Castro, a RAG, o colectivo Ponte nas Ondas, a Radio Galega e a Escola Superior de Arte e Deseño Mestre Mateo.

O xurado deste certame dirixido a alumnado da ESO e de 5º e 6º de primaria destacou, a canda a alta participación, o nivel dos podcasts presentados a concurso. Entre eles seleccionou, polo seu carácter innovador e pola súa especial calidade, tanto na lingua coma no estilo narrativo, o podcast titulado Antón Fraguas en directo, do alumnado de 1º da ESO do IES de Foz, centro que recibirá 1.000 euros, diploma e unha escultura do Vello dos Contos feita por estudantado da ESAD Mestre Mateo.

Ademais deste premio, o xurado decidiu outorgarlle un accésit ao traballo Polo río abaixo hai... do alumnado de 2º da ESO do IES Pedras Rubias de Salceda de Caselas e facer unha mención especial ao podcast Antonio Fraguas do alumnado de 6º de primaria do CEIP Nicolás del Río de Cedeira. Ambos os centros educativos recibirán un diploma, unha escultura e cadanseu lote de libros.

Antonio Fraguas, Xosé Mosquera e a radio

O historiador e etnógrafo Antonio Fraguas, a quen este ano se lle dedicou o Día das Letras Galegas, foi un dos impulsores da radio en galego e compartiu experiencias de teatro radiofónico con Xosé Mosquera. Este foi o creador e intérprete do personaxe O Vello dos Contos, co que fixo campaña a favor do Estatuto de Autonomía para Galicia na emisora Unión Radio Galicia (1932-1936). Durante a posguerra, foi impulsor da Casa-Museo Rosalía de Castro e fundador e presidente da súa Fundación, así como académico correspondente da RAG.

Comparte